Inicio Galicia A Xunta recibe unha delegación de Cuba interesada no modelo galego de...

A Xunta recibe unha delegación de Cuba interesada no modelo galego de promoción empresarial internacional

0

Representantes da Administración cubana reúnense con responsables do Igape para coñecer de primeira man a Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega impulsada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria


O Igape recibiu unha delegación de expertos do Ministerio de Comercio Exterior de Cuba interesados no modelo galego de promoción internacional que impulsa a Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020, promovida pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

A cónsul xeral de Cuba en Santiago de Compostela, Yahima Martínez, acompaña a este comité de representantes cubanos, como unha das iniciativas do II Programa de Intercambio de Expertos Cuba-Unión Europea, financiado pola Comisión Europea e xestionado pola Fundación Internacional e para Iberoamérica de Administración e Políticas Públicas, que ten como obxectivo acompañar ao país centroamericano na implementación do seus obxectivos socio-económicos. Durante o seu encontro cos membros da delegación, os responsables do Igape facilitaron información sobre as actuacións do plan de internacionalización posto en marcha en 2015 polo Goberno galego, e que promove o fomento da cultura de internacionalización, o incremento da presenza das pemes en mercados internacionais, a atracción de investimentos, a consolidación da imaxe de Galicia no exterior e a unidade de acción de axentes, pemes e entidades financeiras.

As medidas desenvoltas concrétanse nos programas de axudas que a Consellería de Economía, Emprego e Industria mantén activos a través do Igape, como o Galicia Exporta, o plan Foexga ou as bolsas de formación , que achegan ás pemes galegas que información, servizos directos nos principais mercados internacionais, financiamento para a entrada neles, e formación e especialización de recursos humanos.

No encontro tamén se puxeron de releve os datos sobre as vendas ao exterior das empresas galegas, que confirman que Galicia vive o maior ciclo exportador da súa historia. Así, tras superar en 2017 a barreira dos 21.000 millóns de euros, nos primeiros oito meses de 2018 as exportacións medraron un 9,5% fronte ao 4,2% da media estatal e situaron a comunidade galega como a terceira con máis crecemento, acadando nese período un superávit comercial de 2.695 millóns de euros.

Ademais do seu encontro no Igape, a delegación procedente de Cuba, acompañada polos coordinadores do Programa de Intercambio de Expertos Cuba-UE, Teresa Guillén e Rodrigo Saldaña, ten previsto manter reunións con outras axencias de promoción económica noutros territorios, co obxectivo de coñecer e intercambiar experiencias sobre metodoloxías, estratexias e plans para a internacionalización empresariais, tanto nacionais como autonómicos. 


- Te recomendamos -