O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que Turismo de Galicia aporta o 65% do orzamento do proxecto, que busca poñer en valor un enclave de gran valor paisaxístico no entorno do río Eo
A Xunta achega 20.600 euros ao Concello de Ribeira de Piquín para financiar un proxecto de posta en valor e mellora da accesibilidade nas inmediacións do miradoiro de Barangón, un enclave de gran valor paisaxístico e medioambiental no entorno do río Eo.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, indicou que Turismo de Galicia aporta o 65% do orzamento desta iniciativa, que complementa a oferta xa existente de rutas de sendeirismo, miradoiros e áreas recreativas na Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón.
Esta iniciativa pretende facilitar o acceso ao miradoiro e consolidar este espazo, potenciando o seu valor paisaxístico. O proxecto prevé o acondicionamento dunha zona previa para estacionar un pequeno número de vehículos e a consolidación dun percorrido de chegada ao miradoiro, tratando de minimizar as pendentes e de evitar o impacto visual das torres de repetición que hai na zona. A senda proxectada súmase á xa existente, proporcionando unha nova ruta.
A proposta contempla instalar un miradoiro elevado en estrutura de madeira, con bancos e outros elementos integrados para observar a paisaxe, ademais dunha pequena pérgola. Tamén se prevé colocar nos accesos un banco de madeira e un cartel divulgativo.
Balseiro lembrou que Turismo de Galicia coopera cos concellos mediante esta liña de apoios na mellora da accesibilidade e a sinalización de recursos como miradoiros e espazos de interese paisaxístico, praias, encoros, fervenzas, bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia, sendeiros e rutas e outras infraestruturas de interese turístico.
- Te recomendamos -