Inicio Galicia A Xunta destaca a aposta de Silleda polas enerxías renovables xa que...

A Xunta destaca a aposta de Silleda polas enerxías renovables xa que a nova rede de calor con biomasa permitirá aforrar 74.000 euros ao ano

0

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asistiu hoxe á posta en marcha desta iniciativa que abastecerá seis edificios e evitará emisións de CO2 equivalentes á plantación de 19.000 árbores

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe en Silleda a aposta e compromiso deste concello polas enerxías renovables e a eficiencia enerxética coa posta en marcha dunha rede de calor con biomasa que lle permitirá aforrar 74.000 euros ao ano en combustible.

Esta rede de 400 metros, apoiada na orde de axudas de district heating da Consellería de Economía, Emprego e Industria, abastecerá seis edificios -a residencia de día, a piscina, o campo de fútbol, o pavillón, a escola infantil e un hotel-; conta con 1MW de potencia e evitará a emisión de 382 toneladas de CO2 ao ano, o equivalente a plantar 19.000 árbores. Cun investimento de 816.500 euros, dos que a Xunta achegou 653.000, trátase da terceira rede destas características realizada en Galicia, polo que o conselleiro definiuna como “pioneira”.

Conde enmarcou esta actuación na aposta que a Xunta está a facer por impulsar a biomasa a través da Estratexia Integral da Biomasa 2014-2020 e das Directrices Enerxéticas de Galicia. Un compromiso que xa leva permitido apoiar a instalación de 5.000 novas caldeiras a través das axudas dirixidas a fogares, empresas, administracións e asociacións sen ánimo de lucro; realizar tres proxectos de district heating con biomasa; impulsar a nova planta de biomasa de Curtis; ou levar a eficiencia a proxectos singulares como Ecospital ou o district heating de San Caetano así como a 44 edificios públicos aos que sumarán outros 21 entre este ano e o que vén e que, conxuntamente, permitirán que a Administración galega aforre 2,2 millóns de euros ao ano.

O conselleiro, quen destacou que Silleda é un Concello Emprendedor, agradeceu a colaboración institucional para levar a cabo este proxecto “que traerá importantes aforros na prestación dun servizo tanto no eido público como privado ao tempo que permitirá o desenvolvemento dun recurso autóctono vinculado ao territorio” e puxo en valor o potencial que a nosa Comunidade ten na biomasa forestal, un combustible autóctono, renovable e respectuoso co medio natural que permite potenciar a economía verde e xerar valor e emprego en todo o ciclo produtivo. 


- Te recomendamos -