O conselleiro reuniuse en San Caetano co alcalde para coñecer as demandas e necesidades dos veciños deste municipio ourensán
O conselleiro do Medio Rural, José González, recibiu en San Caetano ao alcalde do concello de Vilamarín, Amador Vázquez, para interesarse polas principais demandas relacionadas co agro neste municipio ourensán.
Así, o conselleiro tomou nota da petición realizada polo rexedor municipal para arranxar unha serie de camiños, co fin de mellorar así as vías de comunicación en xeral e tamén a calidade de vida dos veciños. Neste senso, González salientou que neste concello se teñen investido preto de 150.000 euros en infraestruturas mediante o Plan marco de camiños nestes tres últimos anos. Así, este ano procedeuse ao arranxo do camiño que vai de Vilamarín a Delvezón por un importe de 44.000 euros, o pasado ano acondicionouse o camiño do Cepedo ata Gosende tamén cunha axda de 44.000 euros e xa no ano 2016 melloráronse varias pistas en A Brega, Cibrán, A Penela e a Raña por 58.238 euros.
A través do Plan marco, a consellería concede subvencións aos gobernos locais para o arranxo de pistas. O orzamento previsto é de 15,9 millóns de euros distribuídos en dúas anualidades (2018-2019) de 7,99 millóns cada unha. No caso concreto da provincia de Ourense, os municipios repartíronse case 3,7 millóns de euros para investir no arranxo dos seus camiños.
González sinalou que estas actuacións son financiadas con fondos propios da consellería, o que conleva un importante esforzo orzamentario por parte deste departamento e subliñou que unha das prioridades do seu departamento é precisamente contribuír á mellora da calidade de vida dos veciños do rural e facilitar así o asentamento de poboación nestes núcleos a través do arranxo das infraestruturas básicas necesarias.
Outra liña de proxectos de mellora é o Plan de Infraestruturas Rurais (PIR), dotado este ano con 2,7 millóns de euros que permitirá acondicionar 125 camiños cunha lonxitude total de actuación superior aos 73 quilómetros, instalar máis de 500 metros de canalizacións de abastecemento de auga ou regadío e reconstruír total ou parcialmente máis de 200 metros de muros de pedra en camiños. Na adxudicación destas subvencións prima a urxencia e a necesidade de axudar aos municipios con carencias en infraestruturas ou con mal estado das mesmas.
Reforzo na loita contra os lumesPor outra banda, ambos dirixentes analizaron tamén a súa colaboración en materia de incendios, pois este municipio ten asinada a liña de rozas do convenio de prevención. Para intensificar estes traballos, o rexedor trasladoulle ao conselleiro a súa petición de poder contar cun tractor con dúas rozadoras, co fin de levar cabo as limpezas en pistas municipais, masas comúns e faixas secundarias. José González sinalou ao respecto que se estudiará, como todas as peticións, a dispoñibilidade orzamentaria e recalcou que o obxectivo é chegar este ano aos 70 concellos galegos aos que se lles facilitou esta maquinaria, ben a través de achegas económicas para a súa compra ou autorizando o seu uso.
- Te recomendamos -