Inicio Galicia A Xunta de Galicia creou preto de 1800 novas prazas para maiores...

A Xunta de Galicia creou preto de 1800 novas prazas para maiores en centros de día do consorcio nos últimos dez anos

0

Ao inicio de 2019 a Consellería de Política Social terá operativas máis de 2500 prazas en centros de día dependentes do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar


O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, expuxo esta mañá en comisión parlamentaria o notable incremento nos últimos anos de prazas públicas para persoas maiores dependentes en centros de día. De feito, nos últimos dez anos este ente autonómico dependente da Consellería de Política Social creou e puxo en funcionamento 1790 novas prazas, pasando das 753 existentes en 2009 ás 2543 que estarán en servizo ao inicio do vindeiro exercicio de 2019.

No que atinxe a apertura de novos centros por parte da Administración autonómica, Perfecto Rodríguez explicou que esta se planifica en función de dous factores: a demanda real existente en relación á oferta actual de recursos e segundo un deseño de carácter supramunicipal. Desta maneira conséguese que estes equipamentos atendan a varios concellos e non soamente aos residentes naquel onde se asentan.

En concreto, o xerente do Consorcio referiuse a demanda de entrada en servizo dun centro de día en Corcubión. Na Costa da Morte, comarca á que pertence esta localidade, o ente autonómico xestiona dous centros de día, un en Muros e outro en Outes. O de Muros, cunha capacidade máxima para 45 prazas, ten na actualidade unha ocupación inferior ao 50%, polo que ten 23 prazas libres sen ocupar. A estas pódense sumar as 9 prazas tamén libres existentes a día de hoxe no centro de Outes. “A realidade é que a curto prazo non existe demanda suficiente para que a Xunta abra un novo centro de día nesa zona”, concluíu.

Non obstante, Perfecto Rodríguez reiterou a disposición da Consellería a colaborar co concello de Corcubión se decide poñer en funcionamento un centro de día de titularidade municipal no edificio que rehabilitou para tal fin, garantindo que esas prazas serán sostidas tamén con fondos públicos. Así, sinalou que os potenciais usuarios que tería ese recurso poderían contar coas correspondentes axudas públicas da Xunta similares as dos outros centros de día de titularidade municipal que na actualidade funcionan en Galicia, como é o caso dos de Porto do Son, Lousame ou Boimorto.

Por último, o xerente do Consorcio destacou o notable incremento do número de persoas dependentes que hoxe reciben en Galicia a atención a que teñen dereito. Na actualidade, máis de 58.000 persoas están beneficiándose dalgunha das prestacións públicas do sistema de dependencia, o que supón unha ratio de máis do 86%, seis puntos máis que a media nacional. Nesta liña engadiu que na medida en que o Goberno central aumente a súa achega ao financiamento dos servizos de dependencia o número de dependentes atendidos crecerá de maneira significativa. Cómpre sinalar que na actualidade Galicia financia o 76% do sistema e o Estado o 24%.


- Te recomendamos -