A Consellería de Cultura e Turismo presenta hoxe en Londres esta iniciativa promocional a 150 axentes de viaxes especializados de Gran Bretaña
Máis de 150 operadores turísticos británicos participan hoxe na presentación organizada pola Consellería de Cultura e Turismo do paquete Pazos e xardíns de Galicia (Pazos & Gardens of Galicia), unha iniciativa do prestixioso operador Ramblers Holidays que inclúe parte da oferta galega relacionada coa natureza, a cultura, o Camiño de Santiago, o enoturismo e o turismo urbano.
Este paquete turístico está incluído no catálogo Adagio 2019, dentro do que figuran outras coidadas ofertas para realizar viaxes en distintas partes do mundo. Pazos e xardíns de Galicia desenvólvese ao longo de oito días de estancia no territorio galego e nel inclúese o aloxamento, a manutención e os traslados e a viaxe en avión desde Londres a Galicia.
Os viaxeiros que se decidan por esta viaxe organizada terán a oportunidade tamén de coñecer unha boa parte dos xardíns históricos de Galicia así como a Ruta da camelia, na que están incluídos 12 dos mellores exemplos tanto públicos como privados de xardíns con estas árbores. O acto contou coa presenza da directora de Promoción da Axencia Turismo de Galicia, da Consellería de Cultura e Turismo, Carmen Pita; Helen Nelson, representante de Ramblers Holidays, e membros da Oficina de Turismo de España en Londres.
Ademais de presentar este produto tan exclusivo de Galicia, tamén se promove a oferta turística galega en xeral, así como o Camiño de Santiago e as posibilidades que ofrecen as distintas rutas xacobeas para coñecer o territorio galego. Tamén se dará a coñecer o potencial enogastronómico galego, cun cóctel a cargo do cociñeiro galego Pepe Solla.
Demanda británicaCon esta iniciativa preténdese afondar na internacionalización do destino galego, un dos compromisos fixados na Estratexia do Turismo de Galicia 2020. Neste sentido, nos oito primeiros meses do ano, un total de 43.108 viaxeiros británicos aloxáronse nos hoteis galegos, nos que realizaron preto de 83.000 pernoitas. Este é, ademais, un mercado especialmente estratéxico no Camiño de Santiago. Xa son 7.211 os británicos que peregrinaron a Santiago de Compostela, un 31,7% máis que o ano pasado.
- Te recomendamos -