A Comisión Provincial de Vivenda reuniuse hoxe para aprobar a proposta de adxudicación do inmoble cedido pola SAREB ao Instituto Galego de Vivenda e Solo
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda adxudicará a unha familia en risco de exclusión social unha vivenda en réxime de alugueiro no Concello de Silleda (Pontevedra). Así foi acordado pola Comisión Provincial de Vivenda, que se reuniu hoxe para aprobar a proposta de adxudicación.
A vivenda foi cedida ao Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) pola Sociedade de Xestión de Activos procedentes da Reestruturación Bancaria (SAREB) para ser destinada a alugueiro social. Tras a proposta de adxudicación da comisión provincial, a previsión é que se lle faga entrega da vivenda á familia nas próximas semanas, unha vez asinado o contrato de aluguer.
Dende o ano 2015 a Xunta de Galicia realoxou a preto de 200 familias en situación de extrema necesidade en vivendas propiedade do IGVS ou cedidas pola Sareb, Abanca, Banco Sabadell e CaixaBank. A estas familias hai que sumar as beneficiadas polo Bono de Alugueiro Social e outras medidas adoptadas nos últimos anos co mesmo fin por parte da administración autonómica.
- Te recomendamos -