A Secretaría Xeral de Política Lingüística celebrou o Día Internacional das Bibliotecas cun acto no CEIP do Foxo no que se presentou o libro de Carlos Mella ‘A conferencia’, publicado polo Pen Club de Galicia co apoio deste departamento
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá na presentación do libro de Carlos Mella A conferencia no curso dun acto celebrado no estradense CEIP do Foxo con motivo do Día Internacional das Bibliotecas. A conferencia está editado polo Pen Club de Galicia co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Valentín García agradeceu o traballo dos docentes que, “desde a biblioteca escolar, se ocupan de difundir a literatura galega, de animar a ler na nosa lingua e, a partir de aí, a falar e a escribir no idioma propio de Galicia”. Ademais, expresou a súa satisfacción por presentar, “nun día tan importante para as bibliotecas coma o de hoxe”, unha nova colección de relatos “escritos pola pluma mestra de Carlos Mella”.
Canda o secretario xeral participaron no acto José López Campos, alcalde da Estrada; Carlos Mella, autor do libro; e Luís González Tosar, presidente do Centro PEN-Galicia.
A celebración do Día Internacional das Bibliotecas no CEIP do Foxo rematou coa actividade de dinamización lingüística Enredando con Pakolas do músico e compositor infantil Paco Cerdeira.
A conferencia, de Carlos MellaCarlos Mella (A Estrada, 1930) é doutor en dereito, economista e escritor, membro do Centro PEN-Galicia desde a súa fundación e actualmente presidente da Fundación Castelao. En 1990 publicou Non somos inocentes, memorias dun “político galego en excedencia”, ao que seguiron diversos libros de ensaio, prosa xornalística e narrativa, como A Galicia posible, Bieito Bieito, A falacia do economicismo, Coa palleta distraída, Luces de Fisterra, Sorte do paxariño ou Memorias dun ninguén.
A conferencia é o último libro de Carlos Mella, quen reúne desta volta once relatos que van desde o conto de raíz popular ata a ciencia ficción, pasando por narracións tinguidas de misterio que tocan o xénero negro.
- Te recomendamos -