A delegada territorial en Ourense xunto co alcalde visitou hoxe o polígono de San Cibrao no que se executaron obras de reparación de viais e de mellora do sistema de seguridade e televixilancia cun investimento de máis de 128.000 euros
O Concello ourensán de San Cibrao das Viñas vén de recibir da Consellería de Economía, Emprego e Industria unha achega de case 180.000 euros para investir en obras de mellora dos dous polígonos industrias emprazados no seu termo municipal: San Cibrao e Barreiros.
A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, acompañada do alcalde, Pedro Fernández, e do xefe territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Santiago Álvarez, visitou hoxe o polígono industrial de San Cibrao para coñecer as actuacións executadas ao abeiro da orde de axudas para os parques empresariais. Díaz Mouteira comprobou as obras, xa rematadas, de reparación de viais que contaban con tramos moi deteriorados. A Xunta asume o pagamento do 80% do seu custo cunha achega de 68.719 euros. Ademais, se está a mellorar a rede de alimentación eléctrica e a ampliación do sistema de televixilancia deste parque empresarial, actuación que conta cunha axuda de 59.685 euros.
O outro polígono industrial emprazado en San Cibrao das Viñas, o de Barreiros, tamén se beneficia dos apoios do departamento autonómico dirixido por Francisco Conde. Neste caso achégase case 51.000 euros para a mellora do sistema de seguridade e videovixilancia.
Díaz Mouteira indicou que estes investimentos “poñen de manifesto que a Xunta segue mantendo o seu compromiso cos gobernos locais e o desenvolvemento das súas infraestruturas, co fortalecemento do tecido empresarial e industrial e co apoio ao emprendemento”, liñas que encaixan coas medidas promovidas pola Lei de implantación empresarial para favorecer a captación de novos investimentos para Galicia.
A delegada territorial lembrou a Consellería apoia con máis de 1.1 millóns de euros un total de 15 proxectos de actuación nos parques empresariais de 8 concellos da provincia ourensá.
En concreto, os polígonos ourensáns beneficiarios destas axudas son: polígono de San Cristovo de Cea; parque empresarial de Cortegada; parque de Pereiro de Aguiar; parque empresarial de Vilar de Santos; polígono da Gudiña; área empresarial do Carballiño; parque empresarial de Tamallancos en Vilamarín; e os dous emprazados no concello de San Cibrao das Viñas.
- Te recomendamos -