A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda mantivo unha reunión co rexedor municipal, quen lle presentou o proxecto redactado polo Concello
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda estudará a posibilidade de colaborar co Concello de Tordoia nas obras de humanización da contorna da Igrexa de Vila de Abade. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, mantivo unha reunión co alcalde de Tordoia, Antonio Pereiro Liñares, na que o rexedor local trasladoulle á conselleira o contido do proxecto para a humanización da Rúa Igrexa de Vila de Abade.
En liñas xerais, o proxecto -dun importe estimado de 70.000 euros- consiste na pavimentación da calzada e dun aparcamento próximo, así como a construción de dous muros para a contención de terras. Tamén inclúe a instalación de sinalización vertical e horizontal na zona a acondicionar.
Pola súa banda, Vázquez Mejuto indicoulle que trasladará á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo dita proposta, co fin de analizar a viabilidade do proxecto, tanto a nivel técnico como orzamentario, dentro das contas que manexará o seu departamento no ano 2019.
A conselleira destacou que a importancia destas actuacións reside no feito de apostar polo desenvolvemento das vilas e dos núcleos de poboación con criterios de sustentabilidade económica, ambiental e social, para ofrecer unha oferta de calidade e adecuada ás necesidades da poboación co fin de incrementar o atractivo das áreas rurais.
- Te recomendamos -