O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe en Santiago na presentación de BioIncubaTech que se converterá nun viveiro de oportunidades de investimento de alta rendibilidade
BioIncubaTech, a primeira incubadora galega do sector biotecnolóxico, converterase nun verdadeiro viveiro de oportunidades de investimento de alta rendibilidade permitindo a incubación de 40 novas bioempresas en Galicia. Así o destacou hoxe o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, na presentación en Santiago desta iniciativa que lidera a Universidade de Santiago, Uninova e a Cámara de Comercio de Santiago.
Conde sinalou que esta aceleradora pon de manifesto que en Galicia hai talento científico e vocación emprendedora lembrando que a Comunidade galega é a terceira con maior número de empresas biotecnolóxicas e se atopa entre as catro cun maior índice de emprendemento neste sector.
O titular de Economía gabou o labor do equipo de Bioga, Clusaga, e do Clúster da Saúde, que representan ao tecido empresarial asociado a este proxecto, e puxo en valor o compromiso da Administración autonómica co emprendemento a través da Rede galega de aceleradoras que hoxe suma BioIncubaTech e a semana pasada engadiu a dirixida á industria aeronáutica, constatando, deste xeito, segundo Conde, “o compromiso da Xunta co emprendemento e coa aceleración de novos proxectos de emprendemento en sectores claves da economía”.
BioIncubaTech, da que xa manifestaron o seu interese en participar máis de 30 empresas tratoras como Inditex, Coren, Finsa ou Biofabri, enmárcase na Estratexia galega de impulso á biotecnoloxía 2016-2020, que ten entre os seus principais eixos de acción o de fomentar a transferencia de coñecemento ao mercado. A Administración autonómica xa ten executado máis da metade do orzamento desta folla de ruta, 107 millóns de euros que permitiu o apoio de 300 proxectos, a creación de máis dunha decena de empresas e o incremento dos niveis de facturación e de postos de traballo de en torno ao 10%.
A Estratexia ten entre os seus obxectivos, aos que contribuirá a nova incubadora, elevar a facturación do sector un 20% ata os 300 millóns de euros; xerar un 25% máis de empregos asociados; e incrementar un 15% o número de empresas bio.
No eido específico da biotecnoloxía, BioIncubaTech complementa o traballo da primeira incubadora de fármacos en España que desenvolven desde Santiago a Fundación Kaertor e Janssen co apoio da Xunta e o da aceleradora Agrobiotech enfocada ao fortalecemento de empresas da agricultura, a biotecnoloxía ou a biomasa.
O titular de Economía, para rematar, apuntou que a nova incubadora é un exemplo claro de ata onde pode chegar a colaboración público-privada coa que a Xunta busca facer da biotecnoloxía o valor engadido da industria galega e impulsar a súa posición competitiva no panorama internacional.
- Te recomendamos -