O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinala que a través desta iniciativa se poderían chegar a cubrir as necesidades enerxéticas de preto de 2.800 vivendas e xerar combustible para unha flota de 3000 turismos ou de máis de 60 buses urbanos
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinalou hoxe na inauguración das novas instalacións da Unidade Mixta de Investigación (UMI) de Gas Renovable na Coruña que esta iniciativa ten potencial para cambiar o modelo enerxético de mobilidade urbana da comarca. Así, segundo apuntou o conselleiro, a través desta iniciativa, na que Naturgy, EnergyLab e a Xunta invisten máis de dous millóns de euros, poderíanse chegar a cubrir as necesidades enerxéticas de preto de 2.800 vivendas e xerar combustible para abastecer unha flota de 3000 turismos ou de máis de 60 buses urbanos.
As novas plantas que hoxe se presentaron, unha para a xeración e outra para a subministración de gas renovable, xa van permitir cubrir as necesidades de combustible tanto da flota de furgonetas da EDAR de Bens, como dun autobús urbano que dará servizo á área metropolitana da Coruña.
A Unidade Mixta de Gas Renovable está centrada en mellorar os procesos de produción de biometano (gas renovable) das estacións de augas residuais urbanas e da industria agroalimentaria. Galicia conta cun elevado potencial de produción de biogás a partir de máis de 40 millóns de metros cúbicos anuais de residuos xerados nas EDAR, sendo polo tanto unha das principais produtoras a nivel autonómico.
Tal e como lembrou Conde, o proxecto que se desenvolve na EDAR de Bens é unha das 30 Unidades Mixtas que a Xunta leva apoiado desde que se puxo en marcha ese programa pioneiro, que está a mobilizar preto de 100 millóns de euros e que leva favorecido a creación ou o mantemento de 450 empregos de calidade e altamente cualificados, cunha quinta convocatoria a piques de resolverse.
Segundo apuntou o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, esta Unidade Mixta é o exemplo claro do que se busca con este programa: impulsar a transferencia de I+D+i ao tecido empresarial galego; desenvolver proxectos de investigación que repercutan na competitividade da industria; a creación de emprego cualificado; e atraer o investimento de grandes empresas que sexan líderes nos seus sectores, como é o caso de Naturgy.
O conselleiro apuntou á necesidade de seguir contribuíndo a facer da industria galega un piar fundamental na consecución dos obxectivos da economía verde, e apuntou que, en consonancia coas Directrices Enerxéticas de Galicia, o proxecto que hoxe se consolida cunha nova infraestrutura vai ter un triple impacto: económico, polo que supón o uso do gas renovable en termos de eficiencia enerxética e aforro de custos; ambiental, porque cos resultados deste proxecto se conseguirá incrementar en Galicia a porcentaxe de enerxía procedente de fontes renovables; e social, facendo cidades máis limpas.
- Te recomendamos -