O Museo Centro Gaiás acollerá a partir das 19h esta festa propia do outono e con moito arraigo na cultura popular galega, que ten xa as entradas á venda
A Cidade da Cultura de Galicia celebra a tarde deste sábado, día 27, a súa primeira foliada de outono co seu xa consolidado, na programación cultural, ‘Magosto no Gaiás’. Para celebrar esta cita cultural e gastronómica con tanto arraigo na cultura popular galega, non só se contará coas imprescindibles castañas —asadas ou como ingrediente principal en petiscos— senón que se adobiará a festa cos ritmos enxebres e enérxicos de Xosé Lois Romero & Aliboria, tanto no concerto co que se lle porán música a esta cita tradicional do outono, como no obradoiro de percusión con tarrañolas, que impartirá o mesmo músico antes da súa actuación no escenario do Museo Centro Gaiás.
Non hai magosto sen castañas —coas que contará a Cidade da Cultura grazas á colaboración un ano máis da Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia— e sen foliada. E para isto último o ‘Magosto no Gaiás’ contará este sábado cun músico de raíz con moito prestixio como é Xosé Lois Romero, que vén de presentar o seu último traballo xunto co grupo de percusión Aliboria e grazas ao cal obtivo o Premio Martín Códax da Música 2018 na categoría tradicional e folk.
Xosé Lois Romero leva tempo traballando con músicos consolidados no eido do folclore e, despois de anos de formación, deu un paso adiante para —tras a gravación dun disco homónimo no 2016— ofrecer un espectáculo escénico rigoroso e profesional tanto no concepto como na posta en escena. Deste xeito, nesta nova etapa con Aliboria —un colectivo de novos músicos galegos— reinventan os cantos e os ritmos enxebres de Galicia conxuntando as potentes voces das súas vocalistas cuns novos arranxos para percusión tradicional cheos de forza, raza e terra, que será o que ofrezan no ‘Magosto no Gaiás’ 2018.
Xosé Lois Romero e Aliboria animarán a festa deste Magosto 2018 subindo ao escenario do Museo Centro Gaiás bombos, pandeiros, pandeiras, tixolas, tarrañolas, cunchas, pandeiretas, latas, tambores, sachos, perfectamente conxunguidos cos cantos, os aturuxos, os bailes e a diversión.
Obradoiro de tarrañolasComo novidade este ano, ademais de gozar da música e as castañas, aquelas persoas que lles interese poderán inscribirse nun obradoiro de percusión tradicional, centrado nas tarrañolas, impartido polo propio Xosé Lois Romero, e para o que xa quedan moi poucas entradas. Todas as persoas inscritas nesta actividade —aberta a todos os públicos perolimitada a 15 prazas— levarán una tarrañolas de agasallo, cortesía de Xose Lois Romero, e de recordo deste especial ‘Magosto no Gaiás’ 2018.
O obradoiro terá lugar no Museo Centro Gaiás de 19 a 20 horas, antes de que dea inicio a degustación, e a entrada para esta actividade formativa dará tamén acceso ao magosto coas castañas —asadas ou como ingrediente principal en petiscos (20 horas)— e á actuación musical (a partir das 21 horas).
E para aqueles e aquelas que queiran coñecer mellor a enorme e variada familia de instrumentos de percusión galegos e as súas características, exhibirase no Museo Centro Gaiás unha pequena mostra deles. Deste xeito, o público que asista ao ‘Magosto no Gaiás’ non só poderá velos, senón tamén tocalos.
EntradasAs entradas para ‘Magostos no Gaiás’ poden adquirirse xa de forma anticipada no Museo Centro Gaiás e nos puntos de venda físicos de Ataquilla por 5 euros: en www.
Ataquilla.com (+ gastos de xestión); e no mesmo día na billeteira por 6 euros. Para participar no obradoiro —con número de participantes limitados— haberá que mercar a entrada, que dará acceso a todo o festexo posterior: degustación de castañas e concerto de Xosé Lois Romero e Aliboria.
- Te recomendamos -