A finalidade principal do Observatorio é a promoción da igualdade real e efectiva das persoas LGTBI e contribuír ao coñecemento da diversidade de orientación sexual e de identidade de xénero para identificar as necesidades e barreiras que impiden o pleno desenvolvemento dos seus dereitos
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o decreto que crea e regula o Observatorio Galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero configurándose como órgano de asesoramento, colaboración institucional e social en materia de diversidade de orientación sexual e de xénero.
A finalidade principal do Observatorio é a promoción da igualdade real e efectiva das persoas LGTBI e contribuír ao coñecemento da realidade da diversidade de orientación sexual e de identidade de xénero co obxecto de identificar as necesidades e barreiras que impiden o pleno desenvolvemento dos seus dereitos. Servirá tamén de foro de diálogo permanente entre a Administración autonómica e o movemento asociativo que teña como obxecto a defensa dos dereitos das persoas LGTBI.
O decreto hoxe publicado establece entre as súas funcións principais, analizar os principais problemas para o recoñecemento, restablecemento e garantía dos dereitos das persoas LGBTI; realizar propostas e recomendacións en materia de normas e políticas públicas para a garantía dos seus dereitos e para a súa interacción e normalización social plena así como manter unha comunicación permanente coas instancias públicas e privadas para a materialización dos dereitos deste colectivo.
Ademais de realizar un seguimento da evolución dos dereitos e da normalización da situación deste colectivo e actuar como órgano de denuncia en materia de discriminación por razón de orientación sexual e identidade de xénero. E presentar propostas que promovan a transversalidade do enfoque do dereito das persoas LGTBI na posta en marcha, seguimento e avaliación das políticas públicas sectoriais.
Coa creación deste órgano consultivo facilitase a identificación das necesidades e da promoción da igualdade real e efectiva do colectivo LGTBI nas diversas esferas da vida social, económica, laboral, sanitaria, educativa e cultural, así como de loita contra a homofobia, bifobia, lesbofobia e/ou transfobia.
- Te recomendamos -