O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, actuou como voceiro do Comité Europeo das Rexións da UE na reunión do Centro Norte-Sur do Consello de Europa
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, representou ao Comité Europeo das Rexións (CdR) ante o Comité Executivo do Centro Norte-Sur do Consello de Europa, onde resaltou a importancia e valor engadido da cooperación continuada entre ambas institucións.
En concreto, Gamallo destacou a importancia de apostar polo empoderamento feminino e incidiu no rol esencial que xogan as autoridades subnacionais da rexión mediterránea á hora de abordar a radicalización e o extremismo violento entre os mozos. Temas nos que o CdR está a traballar a través da Asemblea Rexional e Local Euromediterránea – ARLEM- creada pola propia institución en 2010 para fomentar o diálogo político e a cooperación entre a UE, os países magrebís e Oriente Próximo.
Para recalcar o importante papel das entidades locais e rexionais desempeñan no ámbito da cooperación internacional, o director xeral lembrou os tres ditames que na súa calidade de representante de Galicia no CdR se lle foron encomendados no ámbito da política de desenvolvemento da UE, en especial o relativo ao novo Consenso Europeo sobre Desenvolvemento, no que expresamente se recolle o interese do CdR de impulsar e coordinar a cooperación descentralizada dos entes locais e rexionais da UE cos entes locais e rexionais dos países veciños no marco de iniciativas específicas como foi o caso da Iniciatica Nicosia para Libia.
Jesús Gamallo aproveitou a súa intervención tamén para recalcar que, ademais do Centro Norte-Sur e ARLEM, o CdR colabora de maneira continuada co Congreso de Autoridades Locais e Rexionais do Consello de Europa; institución que, para fortalecer a democracia, reúne representantes de 200.000 poderes locais e rexionais. En referencia a esta cooperación, Gamallo sinalou a vontade do CdR de continuar con tan frutífera relación que vela pola aplicación da Carta Europea do Goberno Autónomo Local.
Por último, o director xeral quixo informar sobre a celebración da 6ª edición do Foro sobre asociacións locais e rexionais para o desenvolvemento sostible. O evento, organizado conxuntamente polo CdR e a Comisión Europea, terá lugar en Bruxelas os días 4 e 5 de febreiro. Durante a xuntanza, o Comité Executivo analizou os avances no programa de actividades do 2018, así coma a organización do Foro Lisboa 2018, que terá lugar os vindeiros 15 e 16 de novembro na capital portuguesa. Outro dos puntos a destacar na orde do día foi os nomeamentos aos Premio Norte-Sur 2018; distinción que se outorga dende 1995 a personalidades que destaquen polo seu compromiso coa promoción da solidaridade entre Norte e Sur.
- Te recomendamos -