Inicio Galicia Medio Ambiente suma un novo esforzo na rehabilitación da área do conxunto...

Medio Ambiente suma un novo esforzo na rehabilitación da área do conxunto histórico de Lugo, con 322.000 euros máis

0

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda destaca que nas vindeiras semanas se asinará o convenio que compromete 140.000 de fondos propios do Goberno galego e correspondentes á convocatoria de axudas de 2018

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, avanzou esta mañá que a Área de Rehabilitación do Conxunto Histórico de Lugo recibirá un novo pulo coa achega de máis de 322.000 euros, dos que 140.000 euros son fondos propios do departamento que dirixe.

A conselleira de Medio Ambiente, que visitou esta mañá as actuación de mellora que se están a levar a cabo no barrio da Tinería, recordou que a Xunta reservou esta partida para Lugo, da convocatoria de fondos correspondentes ao actual exercicio para as áreas de rehabilitación integral. Indicou que o seguinte paso será a sinatura do convenio de colaboración, que recolle un investimento global de máis de 322.000 euros, tendo en conta a participación do Estado.

Vázquez Mejuto salientou que as áreas de rehabilitación son unha peza fundamental na política de vivenda deseñada pola Xunta; tal e como demostran as 69 áreas de rehabilitación declaradas en 41 concellos de Galicia a día de hoxe, que se elevan a 107 concellos, si se suman as áreas dos Camiños de Santiago, é dicir, máis do 40% dos concellos galegos contan polo menos cunha área de rehabilitación.

No caso concreto de Lugo, o Goberno galego achegou máis de 2,60 millóns de euros para a ARI do Sagrado Corazón e para a ARI do Conxunto Histórico dende a declaración destas áreas. Unha liña de acción que permite recuperar e mellorar o xa construído, xerar un número de postos de traballo significativamente superior á nova construción de vivendas e reduce a presión urbanizadora sobre a contorna.

Destacou que onte mesmo o Consello da Xunta autorizou a sinatura dos convenios de colaboración que permitirán ao Goberno galego repartir case 18 millóns de euros para actuar en 54 áreas de rehabilitación de 35 concellos galegos e -así- sumar novas iniciativas e incrementar o parques de vivendas nas que se actuou que ascende a máis de 12.000 desde a creación das áreas integrais, co fin de que as galegas e os galegos acaden as mellores condicións de vida nunhas vilas e cidades coidadas e humanizadas.

Recuperación da TineríaA conselleira de Medio Ambiente visitou as obras da Tinería-15, que comezaron esta semana- e ás que se destina un orzamento de 700.000 euros, para dispor de 5 vivendas de promoción pública e un local en planta baixa.

Esta actuación súmase ás iniciadas en setembro, na Tinería-30, Recanto do Miño-17 e Recanto do Miño-11-13; polo que no cómputo global estas suman un total de 1,20 millóns de euros que darán como resultado nove novas vivendas de promoción públicas e dous locais máis á disposición dos veciños.

A conselleira reiterou o esforzo do Goberno galego por mellorar o estado deste barrio tán emblemático de Lugo, un compromiso que queda patente nos orzamentos en firme que a Xunta de Galicia ten comprometidos para A Tinería, máis de 26 millóns de euros para obter 96 vivendas, 25 locais e 2 edificios de oficinas, contabilizando actuacións acabadas e en execución.

Por último, destacou que outro elemento que potenciará esta liña de traballo será a futura Lei de Rehabilitación, un texto que se atopa en tramitación e co que se pretende mellorar e axilizar os procedementos e trámites necesarios. “O Goberno galego quere que a rehabilitación de vivendas resulte cada vez máis atractiva para os cidadáns e as medidas adoptadas nesta materia sexan máis eficaces”, defendeu, e explicou que actualmente existen dúas vías para levar adiante accións de rehabilitación: por medio de axudas aos propietarios de vivendas ou con actuacións de urbanización e reurbanización que leve a cabo o concello.


- Te recomendamos -