O Xerente da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) transmitiu o firme compromiso e apoio para chegar a ter unha rede Resgal eficiente que dea servizo aos medios operativos
A Estrada (Pontevedra), 17 de outubro de 2018.-O Xerente da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), Marcos Araújo, presidiu no CIAE 112 Galicia a reunión na que asistiron, ademais de persoal da AXEGA, Xerentes dos Consorcios de Bombeiros e persoal de RETEGAL, co fin de tratar melloras potenciais para este grupo de intervención e a situación actual da rede de comunicacións entre os diferentes servizos operativos de emerxencia.
Deste xeito, na reunión valoráronse as opinións e demandas dos responsables dos consorcios de salvamento e contra incendios e se tratou o estado actual da rede Resgal, unha rede de comunicacións baseada na tecnoloxía do estándar europeo TETRA, que na actualidade ten en servizo máis de 5.000 terminais de radio distribuídos entre unha gran parte dos operativos de emerxencia.
Neste senso, o Xerente da AXEGA transmitiu o firme apoio da Axencia Galega de Emerxencias e da Xunta de Galicia para chegar a ter unha rede Resgal eficiente que de servizo aos medios operativos e informou aos participantes na reunión que os traballos en materia de comunicación que se teñen levado a cabo desde a AXEGA, en coordinación con Retegal, están encamiñados a obter, a principios de novembro, un borrador do Plan de Comunicacións de Emerxencias de Galicia que mellore a comunicación entre os diferentes servizos operativos de emerxencia e as comunicacións dentro dos diferentes medios.
Na actualidade, os responsables de Retegal están a traballar nas posibles melloras tecnolóxicas en consenso cos responsables dos servizos operativos. Así, unha das demandas de mellora a implantar sería o xeoposicionamento de flotas nas situacións de emerxencia, que permitiría ao responsable da intervención visualizar os medios despregados na mesma, facilitando así a toma de decisións e a coordinación. Ademais, estanse valorando outros tipos de avances tecnolóxicos, coma o acceso aos canais da rede TETRA a través dun terminal móbil ou a posibilidade de escoitar os canais directos mentres o terminal escanea algún canal da rede.
- Te recomendamos -