Inicio Galicia A Xunta mellora o abastecemento do concello ourensán de Riós cunha nova...

A Xunta mellora o abastecemento do concello ourensán de Riós cunha nova captación en vendas da barreira

0

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, supervisou esta actuación executada co fin de aumentar os recursos de auga e suprimir os altos custos do sistema por bombeo empregado ata agora


A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, acompañada do alcalde de Riós, Francisco Armando Veiga, supervisou esta mañá os traballos executados para a construción dunha nova captación e acometida de augas ao depósito de Vendas da Barreira, neste concello ourensán. Esta actuación hidráulica supuxo un orzamento de máis de 348.000 euros, cofinanciados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

O Concello de Riós abastécese dende o depósito xeral de Vendas da Barreira, alimentado ata agora por un bombeo de auga situado no río Mente. O alcalde do municipio solicitou á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, a execución do proxecto dado os altos custos que supoña o anterior sistema de abastecemento, polo consumo de enerxía eléctrica e gastos de mantemento do bombeo.

Os traballos consistiron na construción dunha nova captación e as conducións necesarias, que permiten o transporte da auga por gravidade dende os nacentes dun afluente do río onde se captaba anteriormente. A nova tubaxe conducirá as augas captadas ata a caseta de bombeo e, posteriormente, ata unha arqueta de reunión, que fai as veces de depósito de cabeceira, para logo conectarse á rede xeral mediante tubaria de PVC e fundición. Dótase así ao municipio dun novo sistema de abastecemento por gravidade, aproveitando parte da infraestrutura de bombeo, que aforrará nos gastos de consumo eléctrico durante a maior parte do ano e subministrará un caudal teórico medio de 3,3 l/s, que supón ao día 285m3.

Este proxecto desenvolveuse tamén co fin de cubrir as demandas actuais e futuras de auga dos veciños de Riós. Así, prevese garantir o abastecemento a unha poboación de 1.800 veciños no horizonte do ano 2038.

Segundo destacou a delegada territorial, estas obras deben enmarcarse no compromiso do Goberno galego coa mellora dos servizos públicos que se presta á veciñanza, en colaboración coa Administración local.


- Te recomendamos -