Inicio Galicia A Xunta estimula o espírito emprendedor da mocidade galega e portuguesa na...

A Xunta estimula o espírito emprendedor da mocidade galega e portuguesa na eurocidade Chaves-Verín

0

O obxectivo principal desta iniciativa —na que están a participar 10 rapaces e rapazas de entre 18 e 30 anos— é crear sinerxías entre estes territorios co fin de que xurdan novas oportunidades que favorezan o desenvolvemento socioeconómico


A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, desprazouse ata a sede da Eurocidade Chaves-Verín para coñecer de primeira man a actividade que están a desenvolver os mozos e mozas participantes no campo de traballo transfronteirizo Eurocidade 2020.

Trátase dunha iniciativa na que están a participar 10 mozos e mozas galegos e portugueses con idades comprendidas entre os 18 e 30 anos e que ten como finalidade promover e estimular o espírito emprendedor da mocidade galega e portuguesa.

Cecilia Vázquez subliñou que “o éxito do traballo que estamos desenvolvendo para fomentar o traballo común nesta Eurorrexión podémolo considerar como atemporal, xa que, se reforzamos e favorecemos os vínculos entre os mozos e mozas de Galicia e do norte de Portugal estamos creando un sistema de traballo que pervivirá e será útil para as nosas sociedades durante moito tempo”.

Os obxectivos principais do campo de traballo son crear sinerxías entre os mozos e mozas de Galicia e o Norte de Portugal co fin de que xurdan novas oportunidades na zona transfronteiriza Chaves-Verín, apoiar o desenvolvemento desta área a través da tecnoloxía e dinamizala a través de programas con valor social.

Entre as tarefas que se van levar a cabo, atópase a creación de apps e rutas virtuais que potencien o turismo medioambiental na zona, a realización de traballos de cartografía con información sobre a flora e a fauna e o desenvolvemento de actividades complementarias como visitas turísticas, deportes e xogos tradicionais e veladas nocturnas.

Proxecto Eurocidade 2020Este campo de traballo transfronteirizo enmárcase no proxecto “A Eurocidade Chaves-Verín como ferramenta de aproximación de Europa 2020 aos cidadáns”, aprobado ao abeiro do programa Interreg V-A España Portugal 2014-2020 (POCTEP) que ten como obxectivo consolidar a Eurocidade como ferramenta de integración europea e de desenvolvemento sostible.

O orzamento total do proxecto, cunha financiación dun 75 % de fondos Feder, supera os 1,7 millóns de euros, dos que a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado achega preto do 10%, e estenderá a súa vixencia ata o 2019.

A directora xeral lembrou que, no marco deste proxecto, a Xunta de Galicia conta con dous recursos a disposición da mocidade galega e portuguesa: a Oficina de información xuvenil transfronteiriza Galicia Norte de Portugal e un local de ensaio, que está á disposición dos músicos.


- Te recomendamos -