Inicio Galicia O Diario Oficial de Galicia publica a convocatoria de axudas DGAN 2018...

O Diario Oficial de Galicia publica a convocatoria de axudas DGAN 2018 que valorará os resultados deportivos dos deportistas galegos de alto nivel durante o ano 2017

0

Segundo a última resolución do 14 de setembro de 2018, a comunidade galega conta con 426 persoas deportistas recoñecidas como de alto nivel (161 mulleres e 265 homes)

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar no día de hoxe o anuncio da convocatoria de axudas a Deportistas Galegos de Alto Nivel 2018, baixo a denominación ‘Convocatoria de AXUDAS DGAN 2018’ e que se enmarca no plan de axudas á preparación dos deportistas galegos e galegas de alto nivel. Segundo a última resolución do 14 de setembro de 2018, a comunidade galega conta con 426 persoas deportistas recoñecidas como de alto nivel (161 mulleres e 265 homes).

Tras a convocatoria extraordinaria do exercicio anterior, na que se valoraron os resultados obtidos en 2015 e en 2016 e que contou cun orzamento de 600.000 euros, esta convocatoria conta nesta ocasión con seis tipos de axudas -Axuda DGAN 1, Axuda DGAN 2, Axuda DGAN 3, Axuda DGAN 4, Axuda DGAN 5 e Axuda DGAN 6-, que serán asignadas segundo os resultados deportivos acadados durante o ano 2017 e que terán un importe total de 250.000 euros.

As devanditas bases desta convocatoria están á disposición na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, na web http://deporte.xunta.gal, así como no taboleiro de anuncios da Fundación Deporte Galego desde hoxe. O prazo de presentación de solicitudes comeza mañá mércores 17 e rematará o vindeiro luns 30 de outubro de 2018.

Os deportistas solicitantes interesados presentarán a solicitude (anexo I) preferentemente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en formato papel orixinal no Rexistro da Fundación Deporte Galego (polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, planta 2ª, 15781 Santiago de Compostela, A Coruña). Ademais de no rexistro da Fundación, tamén se poderá realizar por correo, de acordo co disposto no artigo 16.4.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. A presentación das solicitudes en lugar distinto do sinalado será causa de rexeitamento ou exclusión.

Para a presentación das solicitudes de forma electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365, e habilitarase unha ligazón na Guía de procedementos e servizos co código PR961A.


- Te recomendamos -