O director da Axencia Galega da Calidade Agroalimentaria recibiu hoxe aos portavoces deste Consello Regulador
O director da Axencia Galega da Calidade Agroalimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez, recibiu hoxe aos portavoces do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) como primeira toma de contacto entre ambos órganos. As dúas partes aproveitaron para afondar no Plan Estratéxico de Produción Ecolóxica que foi presentado publicamente neste exercicio.
Este documento establece a folla de ruta a seguir os próximos anos, co obxectivo de que no 2021 Galicia conte cunhas 40.000 hectáreas de superficie certificada como ecolóxica. Neste proceso o Agacal terá moito que dicir xa que é o ente responsable de garantir e promocionar estes produtos de calidade, por iso, o director trasladou o seu apoio ao consello regulador de cara a fomentar este tipo de agricultura sostible e as vendas de cara os vindeiros anos.
Trátase do primeiro encontro formal entre o Craega e o Agacal. Así, o presidente do consello regulador, Francisco López, acompañado por outros membros da directiva aproveitou para presentar ao responsable da Xunta o traballo e filosofía da entidade. Mostrou os obxectivos que teñen de cara aos próximos anos e ambas partes analizaron as cifras relacionadas coa agricultura ecolóxica, que non deixa de crecer. De feito, no 2017 incrementouse un 42% o volume de ventas certificadas polo Consello Regulador. En valor monetario, iso tradúcese en 17,3 millóns de euros máis que no exercicio anterior.
Noutra orde de cousas, na reunión tamén se trataron cuestións referidas á certificación dos produtos e ás novas autorizacións, así como á normativa actual que os regula. Todo co obxectivo de manter a calidade das producións galegas en ecolóxico e garantir que se cumpran os requisitos para levar esta denominación.
- Te recomendamos -