Inicio Galicia Medio Ambiente destinará máis 1,5 millóns de euros á rehabilitación de antigas...

Medio Ambiente destinará máis 1,5 millóns de euros á rehabilitación de antigas vivendas de mestres na vindeira convocatoria

0

O director do Instituto de Vivenda e Solo avanza que os orzamentos de 2019 do departamento que dirixe recollerán unha contía para unha nova convocatoria e salienta que xa teñen rehabilitado 41 vivendas por un importe de máis de 1,6 millóns de euros


A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda prevé reservar nas contas do Instituto da Vivenda e Solo do ano 2019 un importe de máis de 1,5 millóns de euros para novas actuacións en materia de Rehabilitación de antigas vivendas de mestres. O director do IGVS, Heriberto García Porto, avanzou esta cifra durante a súa intervención na Comisión 2ª, onde recordou que este programa se iniciou en 2017, tras constatar que os pequenos concellos dispoñían en ocasións de inmobles da súa propiedade en desuso e que se podían acondicionar como vivendas con investimentos relativamente pequenos.

Explicou que na actualidade xa se ten actuado en 19 concellos e se teñen rehabilitado un total de 41 inmobles, o que se traduce nun investimento de máis de 1,6 millóns de euros. Destacou que grazas a este programa os concellos dispoñen de vivendas para alugueiro social ou para facer fronte a situacións de emerxencia; ao tempo que se recuperan eses inmobles e se mellora o patrimonio municipal.

Recordou que, tal e como establecía a orde, poden beneficiarse das axudas de rehabilitación os concellos de menos de 20.000 habitantes nos que existan demandantes de vivenda inscritos no Rexistro de Demandantes de Vivenda de Galicia e cumpran os requisitos establecidos, que poden acceder a case un 90% dos custe da rehabilitación.

Programa de Vivendas BaleirasNesta mesma Comisión, o director do IGVS abordou a situación doutro programa posto en marcha pola Xunta de Galicia para fomentar o acceso á vivenda en alugueiro. Trátase do Programa de Vivendas Baleiras, unha das medidas incluídas na Nova Axenda Social de Galicia, un instrumento a disposición dos concellos interesados para conseguir que vivendas desocupadas se destinen ao alugueiro a prezo reducido, dando preferencia de acceso ás familias con máis dificultades.

En virtude deste programa, a Xunta facilita axudas aos propietarios para realizar arranxos nas vivendas, garantías de cobro das rendas e axudas a algúns inquilinos para o pagamento da renda. O director aclarou que na actualidade hai 53 concellos adheridos e engadiu que a Xunta non cesará no seu empeño de que os concellos se adhiran e implanten este programa, que ten beneficios para os veciños, os propietarios dos inmobles e os propios concellos.

García Porto destacou que a oportunidade desta ferramenta social queda constatada no feito de que o actual Goberno do Estado está a propoñer a implantación de medidas orientadas á mesma finalidade dentro dos seus orzamentos para o exercicio de 2019 e recordou que un organismo -como o Valedor do Pobo- recomendou aos concellos adherirse ao programa e engadiu que tamén obtivo o respaldo de diferentes entidades sen ánimo de lucro que traballan na atención ás familias máis desfavorecidas.

Por último, recordou que co feito de non incorporarse ao programa de Vivendas Baleiras, e non poñelo en funcionamento, os concellos galegos -sobre todo as grandes cidades de Galicia onde existe unha maior demanda de vivenda- están negando aos seus veciños a posibilidade de acceder a vivendas en alugueiro a prezo reducido, así como axudas económicas que a Xunta ofrece a través do Bono de Alugueiro Social.

Directrices da paisaxeA directora do Instituto de Estudos do Territorio, Inés Santé, tamén interviu na comisión parlamentaria celebrada esta mañá, onde avanzou que o departamento que dirixe está rematando a elaboración dos documentos que conforman as Directrices da paisaxe, co fin de iniciar a súa exposición pública nun breve prazo.

Explicou que se trata dun dos instrumentos que establece a Lei de protección de paisaxe de Galicia para a protección, xestión e ordenación da paisaxe galega, nas que o Goberno galego leva traballando tempo e para o que abriu un proceso de participación pública sen precedentes. O obxectivo era que -dende o inicio da súa redacción- todo o conxunto da sociedade tivese toda a información dispoñible e todas as facilidades para trasladar as súas inquedanzas. Tamén se falou con todos os interesados para coñecer os instrumentos ou actuacións sectoriais nas que as directrices poden ter incidencias e trasladouse toda a información dos documentos a todas as entidades externas que o solicitaron para que puideran facer as súas achegas.

Froito destes encontros e grupos de traballo, se introduciron modificacións no documento, como a incorporación dun novo apartado dedicado a medidas e accións para os ámbitos de especial atención paisaxística e simplificouse o documento, coa reestruturación de dous volumes, tal e como demandaron durante este proceso.


- Te recomendamos -