Asevera que este incremento de peregrinos, chegados desde 172 países e cada vez por máis rutas xacobeas, demostra que “Galicia gusta” e que o traballo de todos fai que o Camiño de Santiago xa non sexa só un fenómeno exclusivo dos anos santos
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, recibiu hoxe o peregrino 300.000; unha cifra histórica que se acada dous meses antes que o ano pasado, cando no mes de decembro se alcanzou por primeira vez esta cifra, e coa previsión de pechar este 2018 cun novo récord por riba dos 320.000.
Durante o acto de entrega da compostela, Feijóo aseverou que este incremento de peregrinos, chegados desde 172 países –e cada vez por máis rutas xacobeas- demostra que “Galicia gusta” e que o traballo de todos, e moi especialmente do sector turístico, fai que o Camiño de Santiago xa non sexa só un fenómeno exclusivo dos anos santos.
Neste sentido, lembrou que desde o Goberno galego se está a traballar no seu coidado e na súa promoción a través do Plan director do Camiño de Santiago, un instrumento cun investimento de 56 millóns e oito liñas de traballo. E cunha constante planificación, criterio e sentidiño: para mellorar, recuperar e conservar o patrimonio natural e cultural; para seguir apostando por un turismo responsable e diversificado; e para continuar poñendo en valor o que nos diferencia –a excelencia desde a tranquilidade e a autenticidade-.
Ao longo da súa intervención, o titular da Xunta referiuse á preparación do Xacobeo 21, un reto para o que se conta coa nova Consellería de Cultura e Turismo, coa entrada da alta velocidade un ano antes do ano santo e coa rehabilitación integral da Catedral de Santiago. “Estamos a falar de preparar o mellor Xacobeo da nosa historia”, dixo, apelando ao espírito do Xacobeo 93, que colocou Compostela no mapa turístico e lle outorgou o título de cidade universal.
- Te recomendamos -