Máis de medio centenar de empresas benefícianse desta nova liña de subvencións da Xunta, que busca afondar nun sector máis competitivo e de maior calidade
A Consellería de Cultura e Turismo, dentro do seu obxectivo de afondar nun sector turístico máis competitivo, vén de investir case 1 millón de euros para estimular a renovación de establecementos de aloxamento. Ese é o importe acadado pola nova liña de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, destinada a entidades privadas para actuacións de mellora neste tipo de infraestruturas turísticas.
Trátase dunha nove orde de subvencións da Xunta, aberta por primeira vez este ano, que busca consolidar Galicia como un destino excelente e máis acolledor, tal e como recolle a Estratexia do turismo de Galicia 2020. Cun crédito orzamentario de 991.552 euros, o Goberno galego aprobou un total de 54 axudas que optimizan a calidade da oferta de aloxamento.
A través destes incentivos, procúrase que os responsables de negocios incluídos no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) leven a cabo as remodelacións precisas para o desenvolvemento da súa actividade, cos maiores estándares nos servizos prestados.
O orzamento inicial desta convocatoria, cuxa resolución pode ser consultada no Diario Oficial de Galicia (DOG), foi ampliado para atender as solicitudes presentadas, que cobren ata o 35% do importe, cun máximo de 35.000 euros por cada unha das entidades beneficiarias.
Accesibilidade e aforro enerxéticoEntre outras accións, contémplanse as destinadas a mellorar as condicións de accesibilidade e supresión de barreiras, afondando así nos compromisos do Plan de accesibilidade turística e do Camiño de Santiago impulsado polo Goberno galego. A orde tamén propicia a obtención de certificacións de calidade, ampliando o liderado da nosa Comunidade no ranking da Q de Calidade Turística, con case o 20% dos establecementos recoñecidos en España. Así mesmo, abarca proxectos para elevar a clasificación do establecemento, que supoña un incremento da categoría na que se atopa na actualidade; actuacións de climatización que favorezan a sustentabilidade con medidas de aforro enerxético; traballos de renovación e de modernización das instalacións, así como destinadas a embelecer as contornas, e, por último, renovación dos equipos mobles necesarios para o funcionamento do establecemento.
- Te recomendamos -