O Goberno galego trasladou hoxe o contido do programa aos avogados e aos sindicatos asinantes do acordo que rematou coa folga
O Goberno galego ten previsto poñer en marcha ao longo deste mes de outubro, tal e como tiña comprometido, a segunda fase do plan de recuperación do traballo nos xulgados galegos. Así se puxo de manifesto tanto no encontro que mantivo hoxe o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, cos avogados galegos, como na reunión que celebraron representantes da Consellería de Presidencia cos sindicatos asinantes do acordo que rematou coa folga.Á espera de que coñecer o número de xuíces e letrados que se incorporen ao plan de recuperación, a Xunta dará comezo a segunda fase nas vindeiras semanas, centrándose especialmente nas unidades das cidades onde se detectou que era máis necesario, despois de recabar os datos e informacións facilitadas por Consello Xeral do Poder Xudicial, Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Fiscalía e os secretarios coordinadores.
Concretamente, nesta segunda fase que arrincará de inmediato, os funcionarios reforzarán o traballo especialmente nos xulgados de Primeira Instancia, nos Sociais, nos Mercantís e nos exclusivos de Violencia sobre a Muller. En total, serán arredor dun cento de unidades xudiciais nas que se prevé comezar co plan o máis axiña posible. Antes de que remate o ano actuarase tamén en xulgados situados en vilas e na xurisdición penal, e posteriormente en órganos colexiados, sempre de acordo cos datos facilitados polos órganos de goberno dos xuíces, dos fiscais, polos letrados da Administración de Xustiza e pola comisión na que están os sindicatos asinantes do acordo.
Hai que recordar que nada máis rematar a folga, ao longo do mes de xuño e xullo, a Xunta xa levou a cabo a primeira fase do plan, centrada en desatascar o traballo nos servizos de rexistro e reparto, en notificacións e embargos e nos rexistros civís, así como na Fiscalía. Para esta segunda fase, na que é imprescindible a implicación de todos, a Xunta logrou o compromiso do Ministerio de Xustiza de colaborar para financiar a participación no plan de xuíces, fiscais e letrados ao servizo da Administración de Xustiza.
A Xunta xa sinalou que é imprescindible a súa participación para poder levar a cabo esta segunda fase de recuperación de traballo nos xulgados galegos. Á espera de coñecer cantos participan finalmente no plan, o Goberno galego iniciará de inmediato -as vindeiras semanas- esta segunda fase coa participación daqueles funcionarios que o desexen daqueles xulgados incluídos nesta fase do plan.
- Te recomendamos -