Inicio Galicia A Xunta destina 83.000 euros a mellorar instalacións culturais de concellos ourensáns

A Xunta destina 83.000 euros a mellorar instalacións culturais de concellos ourensáns

0

A delegada territorial da Xunta, Marisol Díaz, visitou hoxe as actuacións que se están a executar nas dependencias do Concello de Xunqueira de Espadanedo coa finalidade de acoller o arquivo municipal


A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, acompañada do alcalde de Xunqueira de Espadanedo, Carlos Gómez, comprobou esta maña as actuacións que se están a executar ao abeiro de dúas axudas da Consellería de Cultura e Turismo, por un importe total de 26.000 euros destinadas á creación e posta en servizo do arquivo municipal.

A maior parte do investimento destínase ao acondicionamento dun local das dependencias do Concello de Xunqueira de Espadanedo, emprazadas no mosteiro de Santa María, para acoller o arquivo municipal, con cargo ás subvencións concedidas este ano a concellos de Galicia e ás súas entidades públicas con personalidade xurídica propia, e agrupacións de concellos, para o equipamento e a mellora das instalacións e locais utilizados para a realización de actividades culturais. Os traballos que se están a executar consisten en labores de eliminación de humidades, instalación eléctrica e melloras no illamento térmico, así como equipamento de mobiliario e tecnolóxico que permita o funcionamento do arquivo.

Este ano, ao abeiro desta liña de subvencións, na provincia de Ourense beneficiáronse 11 concellos e unha mancomunidade por un importe 83.000 euros. Os beneficiarios son: Bande, Baños de Molgas, O Barco de Valdeorras, Parada de Sil, O Pereiro de Aguiar, A Peroxa, Quintela de Leirado, Ramirás, Verín, Xinzo de Limia, Xunqueira de Espadanedo e a Mancomunidade Terra de Celanova. Entre as actuacións apoiadas por estas axudas figuran desde iniciativas de mellora da accesibilidade e seguridade a acondicionamento acústico dos locais, equipamento de mobiliario ou financiamento de equipos de iluminación.

Xestión do arquivoCultura e Turismo tamén concedeulle ao concello de Xunqueira de Espadanedo outra axuda, cifrada en 6.000 euros, para a contratación dunha persoa cualificada para a realización das funcións propias de xestión do arquivo, é dicir, a organización, colocación e descrición dos seus fondos documentais.

Marisol Díaz indicou que esta colaboración institucional permite garantir unhas infraestruturas de carácter sociocultural en condicións óptimas ao servizo da cidadanía e, de forma xeral, asegurar o acceso á cultura en igualdade de condicións de todos os galegos e que estas actuacións respondan ás demandas sociais da poboación.  


- Te recomendamos -