Inicio Galicia Medio Ambiente financia o acondicionamento e sinalización da ruta do Pozo da...

Medio Ambiente financia o acondicionamento e sinalización da ruta do Pozo da Ola, no concello do Incio

0

O delegado territorial de Lugo explicou que a Xunta apoia o proxecto dentro do programa de axudas para a preservación de espazos incluídos na Rede Natura


A Xunta colabora co Concello do Incio nas tarefas de acondicionamento, limpeza e sinalización da ruta do Pozo da Ola, un percorrido a carón dos cauces dos ríos Cabe e Antiga, que transcorre por unha zona de alto valor paisaxístico e etnográfico enmarcada na Rede Natura 2000.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda apoia esta actuación con preto de 9.000 euros, o que supón o orzamento total do proxecto, a excepción do IVE.

O itinerario discorre pola parroquia de Trascastro, dende o quilómetro 5 da estrada que une A Cruz do Incio coa Ferreiría, e conta cun percorrido lineal duns 800 metros que remata no río Antiga.

Os traballos que se subvencionan consisten en acondicionar o trazado da ruta para permitir que todo o treito sexa transitable e substituír un pontigo de madeira que se atopa deteriorado por outro que permita o paso en condicións de seguridade. O proxecto prevé colocar ao longo do sendeiro balizas de sinalización, postes direccionais, dous bancos de pedra, paneis informativos e mesas interpretativas sobre os puntos de interese da contorna, como os muíños de Vila e Sancho.

Balseiro subliñou que a Xunta colabora co concello do Incio “para poñer en valor os recursos naturais, paisaxísticos e etnográficos, que son fonte de riqueza social, medioambiental e económica, no marco dun desenvolvemento sustentable”.

O delegado territorial lembrou que este proxecto corresponde a unha convocatoria de axudas dirixidas a restaurar, preservar e mellorar a biodiversidade nas zonas Natura 2000, os sistemas agrarios de alto valor natural, así como a mellorar o estado das paisaxes agrarias galegos dentro dos espazos protexidos ou nas súas áreas de influencia socioeconómica.

Dentro desta liña, teñen cabida iniciativas de creación de rutas e áreas recreativas, así como os investimentos necesarios para proporcionar elementos de información e interpretación adaptados ás características dos espazos naturais -como paneis informativos ou observatorios- relacionados coa mellora do carácter de utilidade pública das zonas da Rede Natura. 


- Te recomendamos -