Inicio Galicia A Xunta executou este ano melloras en seis edificios xudiciais lucenses cun...

A Xunta executou este ano melloras en seis edificios xudiciais lucenses cun investimento de 115.000 euros

0

O delegado territorial explicou que concluíron obras nos Xulgados de Lugo, Vilalba, Sarria, Monforte de Lemos, Chantada e A Fonsagrada

Lugo, 27 de setembro de 2018.- A Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza vén de finalizar diversas obras de mellora e acondicionamento en seis edificios xudiciais da provincia de Lugo, que foron executadas no que vai deste ano e supuxeron un investimento conxunto de 115.500 euros.

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, explicou que as intervencións leváronse a cabo nos Xulgados de Lugo, Vilalba, Sarria, Monforte de Lemos, A Fonsagrada e Chantada, dentro dos recursos que destina anualmente a Vicepresidencia para garantir o bo estado das instalacións e propiciar a súa modernización.

Balseiro manifestou que as actuacións realizadas ao longo deste ano contribúen en conxunto a lograr “uns edificios máis funcionais e confortables, dotados nalgúns casos de novos dispositivos de seguridade e de medidas para reducir o consumo enerxético”.

Nos Xulgados da capital lucense renovouse a pintura de corredores e outros espazos comúns en todas as plantas e foron instalados sensores lumínicos para evitar que as luces permanezan acesas sen necesidade e optimizar así o consumo de enerxía. Tamén foron melloradas instalacións de saneamento e acometeuse unha primeira fase da obra de acondicionamento do soto, que está a piques de rematar.

Leer más:  Un conductor sufre una indisposición y choca su caravana contra unos coches estacionados en Viveiro (A Coruña)

En Monforte de Lemos púxose a punto a fachada do edificio, que foi obxecto de pintado e tratamento, reparación de gretas e limpeza dos canlóns. No interior tamén foi restaurada a pintura de zonas comúns e despachos.

Ademais, tanto os Xulgados de Monforte como os de Chantada e Vilalba foron provistos de novos sistemas de seguridade, mediante a instalación de senllas centrais de incendios e evacuación.

En Vilalba procedeuse así mesmo ao pintado dos corredores e a instalar unha rampa de acceso á sala de vistas. A actuación en Sarria consistiu no acondicionamento do xardín interior dos Xulgados, mentres que na sede da Fonsagrada foi instalada unha cheminea de evacuación de fumes da caldeira da calefacción.

A maioría das obras -a excepción do saneamento dos Xulgados de Lugo- foron executadas polo grupo DILL, unha empresa de inserción laboral en cuxo obxecto social está a integración e formación sociolaboral de persoas en situación de exclusión social.


- Te recomendamos -