Trátase do treito de 0,5 quilómetros da estrada autonómica AC-175, ao seu paso polo núcleo de Perillo
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o Decreto polo que se transfire a prol do Concello de Oleiros o treito da estrada autonómica AC- 175, ao seu paso polo núcleo de Perillo, a coñecida avenida de Rosalía de Castro. Esta cambio de titularidade materialízase tras a sinatura do convenio de colaboración entre a Xunta e o Concello de Oleiros para a rehabilitación do firme da avenida Rosalía de Castro, aprobado o pasado 8 de agosto polo Goberno galego, cun investimento da Xunta de máis de 96.000 euros. Esta estrada autonómica pertence á rede secundaria de titularidade autonómica e o treito que cambia de titularidade ten un carácter eminentemente urbano ao percorrer o núcleo de Perillo, determinado coma tal na normativa urbanística. Máis en concreto o treito obxecto de transferencia iníciase en Perillo, na glorieta de intersección coa AC-174 e as rúas Areal e Barreira, e finaliza no ramal do enlace entre a AC-12 e a AC-173.
O Concello de Oleiros solicitou á Consellería de Infraestruturas e Vivenda a transferencia deste treito da estrada autonómica AC-175, que ten unha lonxitude de 0,55 km e é coñecida como Avenida. Rosalía de Castro.
Os servizos competentes do departamento de Infraestruturas da Xunta informaron favorablemente a solicitude rubricando hoxe o Goberno galego o cambio de titularidade a prol do concello de Oleiros do treito da estrada AC-175, comprendido entre os puntos quilométricos 0+000 e 0+550.
A administración local aceptou o cambio de titularidade, para a racionalización das titularidades da rede viaria e para favorecer a explotación da infraestrutura dende o punto de vista municipal, e asume a responsabilidade da súa conservación e mantemento.
O cambio de titularidade deste estrada a prol do Concello de Oleiros cumpre co obxectivo de racionalizar a estrutura viaria municipal e permite unificar a titularidade da estrada no concello, conseguindo así unha mellor xestión dos recursos públicos.
A transferencia desta estrada provincial ao Concello de Oleiros tramítase de acordo co previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que establece a súa aprobación no por decreto da Xunta, a proposta da Consellería de Infraestruturas e Vivenda e logo do acordo entre as administracións implicadas.
Tal e como se pode consultar no seguinte enlace ao DOG, https://bit.ly/2ORvy9u o Decreto producirá efectos desde o día seguinte a súa publicación.
- Te recomendamos -