A xornada celebrarase o sábado 24 de novembro no Gaiás e contará con expertos en arquitectura, psicoloxía e pedagoxía
A Cidade da Cultura de Galicia celebrará o sábado 24 de novembro a primeira edición de Contornos e contornas. Unha visión transdisciplinar sobre a arquitectura’, na que profesionais da arquitectura, psicoloxía e pedagoxía procurarán crear un clima de reflexión e de propostas en común sobre as melloras a aplicar nos recintos educativos para mellorar a habitabilidade, benestar e o clima de aprendizaxe, tirando proveito dos respectivos coñecementos destas disciplinas.
A experiencia da Cidade da Cultura en convivencia e irmandade entre programación cultural, emprendemento, tecnoloxía e intercambio social convértea no lugar axeitado para celebrar unha xornada como Contornos e contornas —organizada pola xestora cultural ‘taller abierto’— que ten como cerna incidir nas posibilidades da arquitectura como axente condicionante das actividades humanas e os efectos que o espazo arquitectónico ten sobre o comportamento e benestar das persoas.
Nesta primeira edición, Contornos e contornas centra o seu obxecto de análise nos recintos educativos, coa intención de que, a través dunha aproximación atenta e detida, se acade un clima de reflexión conxunta entre profesionais da arquitectura e as ciencias sociais. Dúas disciplinas chamadas a entenderse e que evidencian, en máis dunha ocasión, que están máis desconectadas entre si do que deberan.
Fronte esta situación, a xornada procura crear un espazo de debate sobre a necesidade de establecer unha complementariedade efectiva entre disciplinas, rexeitando o tradicional illamento metodolóxico entre arquitectos e profesionais do eido pedagóxico á hora de acometer os proxectos de escola.
Expertos en psicoloxía ambiental, pedagoxía e arquitecturaPara crear este espazo de debate e reflexión interdisciplinar, contarase nas xornadas con Ricardo García Mira, catedrático de Psicoloxía Social na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña (UDC), especializado en Psicoloxía Ambiental; Julia María Crespo Comesaña, doutora en Pedagoxía e mestra de Organización Escolar na Facultade de Ciencias de Educación na Universidade de Santiago de Compostela (USC), e Celestino García Braña, doutor arquitecto e mestre titular de Teoría da Arquitectura na Escola Técnica Superior de Arquitectura da UDC. Ricardo García Mira arrancará a xornada de Contornos e contornas apuntando, desde un punto de vista científico, as claves físicas e espaciais que inflúen no comportamento social e individual; no desenvolvemento cognitivo; e no estado de saúde mental. Mentres, Julia María Crespo Comesaña incidirá nas necesidades educativas e na súa intervención procurará achegarse a como son os procesos e os elementos que constrúen un ambiente de aprendizaxe.
Pola súa banda, Celestino García Braña abordará no seu relatorio como enfrontarse a un proxecto arquitectónico para un centro educativo; os parámetros baixo os que se executa: o marco conceptual e metodolóxico; ou cales son as relación coas institucións e profesionais docentes.
Contornos e contornas rematará abrindo o debate entre os tres relatores e o público, na mesma liña da súa cerna de crear un clima de reflexión conxunta entre todas as disciplinas, arquitectónicas e sociais, que deben ser tidas en conta nos deseños de espazos arquitectónicos.
Xornadas de balde, previa inscriciónContornos e contornas é unha xornada de balde e aberta, baixo inscrición, ao público xeral, pero dirixida especialmente a xente formada ou interesada nestas disciplinas e tamén, tendo en conta a especialidade desta primeira edición sobre centros educativos, tamén a comunidade educativa.
As prazas son limitadas (176) e a inscrición pode realizarse na páxina web da Cidade da Cultura: www.cidadedacultura.gal
- Te recomendamos -