Inicio Galicia A Xunta pon en valor na Estrada o programa integrado de emprego...

A Xunta pon en valor na Estrada o programa integrado de emprego Activa III que xa acadou máis dun 62% de inserción laboral

0

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, visitou hoxe o taller ‘A entrevista 3.0’ que se está impartindo nesta iniciativa que apoia a Xunta con 204.000 euros

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, visitou hoxe un dos talleres que se está impartindo no Programa Integrado de Emprego Activa III, que promove a Fundación Cultural A Estrada co financiamento da Xunta.

A iniciativa, cun orzamento de 240.000 euros, do que un 85% financia a Consellería de Economía, Emprego e Industria, comezou coa participación de 85 parados de longa duración dos que 53 (máis dun 62%) incorporáronse xa ao mercado laboral en empresas de diferentes sectores como o metal, a hostalería, o comercio, a Administración, as telecomunicacións, a gandería ou a alimentación, entre outros. Ademais, houbo participantes que puxeron en marcha o seu propio proxecto empresarial para o que contaron con asesoramento en materia de emprendemento.

No programa integrado recibiron formación teórica-práctica de operador de carretilla, de inglés, informática, manipulador de alimentos, ao tempo que desenvolveron talleres de preparación de entrevistas de traballo ou de xestión de emocións e motivación, entre outros.

Marnotes destacou os bos resultados de inserción laboral que en xeral se acadan a través dos programas integrados de emprego, que financiados pola Administración autonómica, co apoio dos concellos ou entidades, teñen uno ano de duración, e están enfocados a mellorar a ocupación dos desempregados establecendo como obxectivo a inserción laboral dun mínimo do 30% dos seus participantes. Cada plan integrado inclúe accións personalizadas de diversa natureza -como información, orientación, asesoramento e formación- combinadas con prácticas laborais.

Na convocatoria actual dos Programas Integrados de Emprego 2017-2018, que remata no mes de novembro, están a participar en toda Galicia 4337 alumnos e alumnos dos que de media preto do 40% acadaron ata o de agora a súa inserción no mercado laboral (1.683 persoas).

A nova edición dos programas integrados de emprego para os anos 2018 e 2019 arrancará nas próximas semanas. Promovidos por concellos e por entidades sen ánimo de lucro, a Administración autonómica prevé a participación de 4300 persoas desempregadas en 43 programas co obxectivo de que poidan incrementar as súas oportunidades laborais.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria reforza este ano esta iniciativa aumentando nun 15% o orzamento, polo que investirá un total de 10,9 millóns de euros entre 2018 e 2019 para aumentar o apoio que cada entidade percibe. Así, os beneficiarios destas axudas recibirán 2500 euros por cada persoa participante no programa, o que supón un 4% máis con respecto a edicións anteriores.

Coa iniciativa, priorizarase por primeira vez aos Concellos Emprendedores, os que forman parte do convenio que a Xunta asinou coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para impulsar en Galicia o desenvolvemento de novos proxectos industriais.

Na próxima edición, e ao igual que na que se está a desenvolver na actualidade, destinaranse dous millóns de euros para programas específicos para mulleres, un 18,3% do total, para seguir desenvolvendo unha das medidas do plan Emprega en feminino, a folla de ruta do Goberno galego para impulsar a inserción das mulleres no mercado de traballo.

Nesta convocatoria tamén se continuará primando a aqueles proxectos nos que se implique o tecido empresarial de cada zona, co obxectivo de que os programas se centren nas demandas laborais de cada comarca, e a aqueles plans de xestión compartida para incentivar os procesos de fusión municipal.

Obradoiros de empregoA Xunta, ademais, en materia de formación no emprego, para persoas sen traballo, financia os obradoiros de emprego. Galicia contará, en 2018-2019, cun total de 105 talleres, para impulsar a empregabilidade de 2000 persoas na Comunidade. En concreto, o Goberno galego destina un 25% máis que no período anterior. Por unha banda, son 23 obradoiros para menores de 30 anos aos que se destinan 3,4 millóns e un total de 23,26 millóns para a celebración dos obradoiros duais nos que participarán máis de 1600 alumnos dos 206 concellos beneficiarios.

Marnotes explicou que a principal novidade desta nova modalidade é que os participantes poderán combinar un contrato de formación e aprendizaxe durante nove meses, cun contrato en prácticas de polo menos tres meses máis nunha empresa emprazada no mesmo ámbito territorial e cunha actividade vinculada ás materias do obradoiro. O obxectivo é seguir mellorando o emprego nos concellos galegos, especialmente os do rural, adaptando a oferta formativa ás súas demandas e necesidades de contratación.

O director xeral, para rematar, resaltou a importancia da colaboración institucional para poñer en marcha iniciativas como os obradoiros e os programas integrados de emprego cos que se contribúen a para contar cunha Comunidade máis competitiva e con máis capacidade para crear riqueza.  


- Te recomendamos -