O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe en Sevilla nesta feira, onde presentou o ecosistema biotecnolóxico da Comunidade ante potenciais investidores
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, resaltou hoxe o potencial internacional da biotecnoloxía galega ante potenciais investidores e business angels, no marco da presentación do Ecosistema galego de Biotecnoloxía na feira BioSpain, que se celebra en Sevilla e que está considerada a quinta máis relevante do sector a nivel mundial.
Conde visitou tamén o stand de Galicia neste encontro, no que van da man Bioga e o Clúster da Saúde de Galicia e as tres universidades galegas, ademais da Xunta, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN) e a Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS). Apuntou que Galicia é a cuarta comunidade máis bioemprendedora, e que acolle preto do 9% das empresas españolas que realizan actividades biotecnolóxicas.
O conselleiro sinalou que todos os avances que nestes últimos anos se foron producindo nesta industria débense ao traballo proactivo, coordinado e transversal de todos os axentes, a través da Estratexia de Impulso á Biotecnoloxía 2020, que mobiliza 200 millóns en investimentos. Con esta estratexia xa se ten conseguido alcanzar os 258 millóns de euros de facturación en 2017, un 90% do obxectivo, fixado en 300 millóns de euros.
Do mesmo xeito, tal e como lembrou Conde, desde a posta en marcha da Estratexia tamén se fundaron 11 novas compañías biotech, alcanzando o cento de empresas que se dedican en Galicia en exclusiva a producir biotecnoloxía, cun investimento en I+D de 37 millóns de euros, e xa se teñen creado 125 novos empregos no sector. Neste ámbito, sinalou que o principal obxectivo da Estratexia é seguir avanzando na captación de investimentos para que o sector continúe creando emprego de calidade na Comunidade.
O titular de Economía sinalou que, ao tempo que se aposta por reforzar o sistema galego de saúde, avanzando en novos produtos e servizos para os cidadáns, a biotecnoloxía galega posiciónase como unha tecnoloxía facilitadora e como valor engadido na industria galega, en sectores como a pesca, a agricultura, ou o ámbito sociosanitario. Neste sentido, o conselleiro sinalou ante os investidores chegados de diferentes puntos de España e de Europa que as mellores oportunidades na biotecnoloxía galega están hoxe nos novos produtos e procesos para o sector lácteo; o aproveitamento dos recursos mariños e pesqueiros; a eficiencia na sanidade animal; a alimentación e o envellecemento activo; as novas tecnoloxías para medicina personalizada; ou a innovación aberta no descubrimento de fármacos.
Coa súa participación en BioSpain, a Xunta apoia ao ecosistema galego de biotecnoloxía, representado neste encontro por 16 empresas, Bioga e o Clúster da Saúde de Galicia e as tres universidades galegas. Esta feira bienal, que cumpre a súa novena edición, celébrase nesta ocasión en Sevilla centrada no campo biomédico, sen deixar de lado ámbitos como o agroalimentario, o industrial e a bioeconomía. Ademais da feira comercial, o programa inclúe conferencias e un foro de investidores.
- Te recomendamos -