O secretario xeral de Política Lingüística participou no acto de entrega deste galardón destinado a fomentar a lectura e a escritura en galego premiando artigos publicados en prensa nesta lingua
A Feira do Moble da Estrada acolleu este serán a entrega do XXIII Premio Xornalístico Manuel Reimóndez Portela, convocado polo Concello da Estrada co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra. O premio recaeu este ano no xornalista e profesor de Ciencias da Comunicación Fernando Redondo Neira polo seu artigo Derivas e encrucilladas do Novo Cinema Galego.
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, incidiu na importancia que ten un galardón que promove o uso do galego no ámbito do xornalismo, onde “traballamos día a día para gañar presenza” e, “aínda que os avances foron notables desde a creación deste premio en 1996, aínda nos queda camiño por andar”. En todo caso, valorou moi positivamente a variedade temática dos artigos que veñen gañando as sucesivas edicións do Manuel Reimóndez Portela, “síntoma de que o galego pode e debe moverse polas distintas seccións do xornal”, e destacou o interese polo texto que gañou a presente, centrado no cinema.
A canda o secretario xeral de Política Lingüística e mais o galardoado interviñeron no acto José López Campos, alcalde da Estrada; Xosé Leal Fariña, deputado provincial de Cultura e Lingua da Deputación da Coruña; Dolores Vilavedra Fernández, profesora da Universidade de Santiago e mantedora do acto. Presentou o evento José Manuel Bouzas Blanco, membro do Comité de Seguimento do Premio. O evento estivo precedido por unha ofrenda floral en homenaxe a Manuel Reimóndez Portela a cargo de 8 mulleres integrantes do Coro Parroquial de San Miguel de Castro.
Derivas e encrucilladas do Novo Cinema GalegoO xurado da XXIII edición do Premio Xornalístico Manuel Reimóndez Portela –formado por Juan Constenla, Victoria Reimóndez, Enrique Otero, Juan Andrés Fernández, Evaristo Mato e José Manuel Bouzas– decidiu outorgarlle o galardón deste ano ao artigo Derivas e encrucilladas do Novo Cinema Galego, publicado na revista Tempos Novos, por mor da súa “impecable redacción” e por ser “preciso e concreto, ben informado e documentado”.
O autor do traballo, Fernando Redondo Neira, é xornalista, profesor de comunicación audiovisual da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC e estudoso das cinematografías emerxentes. Neste artigo subliña as claves do fenómeno que os críticos deron en chamar Novo Cinema Galego e valora con perspectiva de futuro as encrucilladas ás que o noso cinema se ha ter que enfrontar para ter vida propia nas canles habituais de chegada ao público consumidor.
Xornalismo en lingua galegaCo Premio Xornalístico Manuel Reimóndez Portela, o Concello da Estrada réndelle homenaxe ao médico, escritor e alcalde cuxo nome leva o galardón e recoñece cada ano un traballo ou unha serie de traballos publicados en galego nun medio de comunicación escrito. Os seus obxectivos son fomentar a lectura e escritura en lingua galega no ámbito do periodismo e dinamizar culturalmente a Feira do Moble de Galicia, compatibilizando a actividade comercial e económica coa cultural.
Desde a súa primeira edición, en 1996, recibiron o premio os seguintes autores: Olimpio Arca Caldas; Francisco Ricardo Franco Martínez; Rubén Valverde Alonso; Francisco Castro Veloso; Antón López, Rosa Gómez e Soedade Noia; Francisco Rozados Rivas; Xerardo Neira Pereira; Miguel Anxo Fernán Vello; Ruth Fernández Fernández; Santiago Jaureguízar; Francisco Fernández Rei; Vicente Araguas; Manuel Suárez Suárez; Xosé Neira Vilas; Xosé María Lema Suárez; Juan Luis Blanco Valdés; Héitor Picallo; Xosé Luna Sanmartín; José Manuel Bértolo e Luís M. Ferro; Ramón Vilar Landeira; Raquel C. Pico; Armando Requeixo Cuba e Fernando Redondo Neira.
- Te recomendamos -