Inicio Galicia Galicia inicia o curso con 24.081 prazas públicas para nenos de 0...

Galicia inicia o curso con 24.081 prazas públicas para nenos de 0 a 3 anos e con 5 novas escolas infantís en Lugo, Santiago, Ourense, A Estrada e Mos

0

Asevera que esta cifra sitúa a ratio de cobertura en Galicia nun 41,6%, oito puntos por riba da ratio mínima aconsellada pola Unión Europea


O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou que a Comunidade galega inicia o curso con 24.081 prazas públicas para nenos de 0 a 3 anos, case 500 novas prazas máis que o ano anterior, e con cinco novas escolas infantís en Lugo, Santiago, Ourense, A Estrada e Mos.

Durante unha visita ás instalacións da nova escola infantil da Fundación Amancio Ortega en Lugo, Feijóo aseverou que esta cifra –a maior en número de prazas de escolas infantís da historia da comunidade- sitúa a ratio de cobertura en Galicia nun 41,6%, oito puntos por riba da ratio mínima aconsellada pola Unión Europea; unha cifra similar á provincia de Lugo que conta cunha oferta total de 2.653 prazas públicas.

O titular do Executivo autonómico recordou que a rede pública de escolas infantís é un dos piares nos que se asenta o Programa de apoio á natalidade. Unha iniciativa que se complementa coa posta en marcha doutras medidas como o Bono Concilia, que este curso conta con 3,4 millóns de euros ampliables para axudar ás familias que residan nun concello onde non existen centros sostidos con fondos públicos, así como a aquelas que non obtivesen praza nas escolas infantís de 0 a 3 anos da rede autonómica ou dependentes dos concellos, cumprindo así un ano máis o compromiso de que non haxa lista de espera para entrar nunha escola infantil.

Sobre este punto, salientou, ademais, que as mulleres vítimas de violencia de xénero terán prioridade no acceso a este bono e poderán presentar a solicitude fóra do prazo establecido.

Outras iniciativasCómpre destacar outras iniciativas como as casas niño, un servizo destinado aos núcleos rurais de Galicia que debido á súa escaseza de poboación carecen de servizo de atención continuada para os nenos de 0 a 3 anos. Un servizo que xa está a levar a cabo en 46 concellos, 40 pertencentes ás provincias de Lugo e de Ourense.

Así mesmo, referiuse ao Bono Coidado, para o coidado puntual dos menores de 12 anos no domicilio familiar cando circunstancias imprevistas impidan a súa realización ás persoas que normalmente desenvolven esta función; ou as escolas infantís en contornas empresariais, cunha en marcha desde o curso pasado en Narón e outras dúas que abrirán as súas portas no futuro en Mos e A Pobra do Caramiñal.

Feijóo lembrou tamén que o permiso por maternidade para as empregadas públicas aumentou de 20 a 22 semanas; que a Tarxeta Benvida se estendeu ata os tres anos para as familias con rendas baixas; e referiuse á futura posta en marcha dunha nova bonificación nas taxas das escolas infantís do 25% para o segundo fillo e do 50% para o terceiro e sucesivos.

O presidente da Xunta concluíu agradecendo á Fundación Amancio Ortega o seu compromiso cos máis cativos en colaboración coas administracións autonómica e locais. Non en van, grazas a esta nova infraestrutura, que pasará a formar parte da rede A Galiña Azul, a cidade de Lugo conta cunha oferta de 82 prazas públicas máis para nenos de 0 a 3 anos. “En total, estamos a falar de 852 prazas públicas que sitúan a ratio de cobertura desta cidade no 34%, un punto por riba da ratio mínima aconsellada pola Unión Europea”, concluíu. 


- Te recomendamos -