A delegada territorial da Xunta, Marisol Díaz Mouteira, participou no acto de entrega de diplomas aos participantes nesta iniciativa de emprego á que a Consellería de Economía, Emprego e Industria destinou 280.000 euros
A Consellería de Economía, Emprego e Industria entregou hoxe os diplomas aos 20 alumnas e alumnos que se formaron no obradoiro de emprego Caldelas III que promoven os concellos de Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, Montederramo, San Xoán de Río e A Teixeira.
A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, participou no acto de clausura desta iniciativa de emprego na que a Xunta investiu 280.000 euros e que serviu para ofrecer aos participantes durante os últimos nove meses formación teórica e práctica nas especialidades de promoción turística local e información ao visitante e xardinería e restauración da paisaxe.
O alumnado que se formou e traballou neste taller realizou labores de promoción turística e xardinería nos concellos participantes. Entre outras actuacións limparon, rozaron e sinalizaron os camiños para a creación dunha ruta circular de sendeirismo duns 108 quilómetros que une os cinco municipios. No acto, Díaz Mouteira puxo en valor estes programas mixtos de formación e emprego que, segundo apuntou, incrementan a inserción no mercado de traballo dos seus participantes. Os obradoiros forman parte do compromiso da Xunta coa formación, xa que, segundo a delegada territorial, esta é a chave que pode abrir as portas a un futuro de oportunidades laborais. Marisol Díaz Mouteira indicou que se trate dunha iniciativa, enmarcada na Axenda 20 para o Emprego, que o Goberno galego leva a cabo en colaboración cos concellos e que, polo tanto, fomenta a cooperación institucional.
Este ano, a Consellería de Economía, Emprego e Industria impulsa na provincia de Ourense un total de 21 obradoiros nos que se investirán 5,6 millóns de euros e que beneficiarán a 402 persoas en situación de desemprego. Dos 21 programas mixtos concedidos 18 son duais, nos que os participantes poderán combinar un contrato de formación e aprendizaxe durante nove meses, cun contrato en prácticas, de como mínimo tres meses máis, nunha empresa emprazada no mesmo ámbito territorial e cunha actividade vinculada ás materias do obradoiro. O resto, son específicos para menores de 30 anos, unha iniciativa que forma parte do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil para seguir impulsando o emprego entre a mocidade.
- Te recomendamos -