Inicio Galicia Medio Ambiente inicia unha campaña infantil para fomentar a reciclaxe de aparellos...

Medio Ambiente inicia unha campaña infantil para fomentar a reciclaxe de aparellos electrónicos e eléctricos que visitará 350 centros educativos de Galicia

0

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio presentou esta mañá esta iniciativa que busca sensibilizar aos máis cativos na necesidade de realizar un tratamento axeitado deste tipo de residuos

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio presentou esta mañá unha nova campaña para sensibilizar á comunidade infantil na necesidade de reciclar os aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE), que visitará 350 centros de educación infantil e primaria.

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, deu conta esta mañá desta iniciativa que está enmarcada dentro da campaña ‘Oqueseenchufarecíclase’ posta en marcha polo seu departamento para concienciar á sociedade galega na necesidade de mellorar as prácticas de reciclaxe e tratamento deste tipo de residuos.

Mato Otero indicou que reducir, reciclar, reutilizar, reparar, repensar… son verbos que deben ser conxugados pola sociedade galega, polo que unha axeitada formación desde as idades temperás axuda a interiorizar a mensaxe e a aplicala dun xeito máis sistemático.

Con esta filosofía, púxose en marcha este proxecto educativo, divulgativo- formativo, de sensibilización e de interacción constante, que percorrerá 350 centros de ensino de educación infantil e primaria de Galicia.

Para acadar que as novas xeracións de galegos teñan coñecemento da importancia da reciclaxe dos residuos e, concretamente, dos residuos de aparellos eléctricos e electrónicos, trasladaráselle dunha maneira amena e moi didáctica a través das personaxes dos Bolechas, pautas e coñecementos para o correcto tratamentos dos residuos.

Explicou que se trata de que os nenos se convertan, a través do xogo e de material específico desta campaña adaptado á súa idade, nos maiores defensores do planeta, é dicir, que formen parte da Real Orde do Movemento RAEE dos Bolechas, unha comunidade á que pertencer supón cumprir un decálogo con comportamentos e actitudes colectivas e individuais que deben poñerse en práctica no fogar e centro de ensino.

O esforzo ten premioA conselleira de Medio Ambiente precisou que esta iniciativa está aberta á totalidade da comunidade educativa, non só aos centros que recibirán a visita dos Bolechas, polo que a través dunha plataforma web convocarase un concurso de debuxo aberto á totalidade de centros educativos de Galicia.

No concurso poden participar de xeito colectivo ou individual e entregarase un gran premio de 3.000 euros para as actividades educativas do centro gañador, que se seleccionará entre todos os colexios participantes. Asemade, a conselleira engadiu que dentro desta campaña valorarase o esforzo que realicen os participantes, que polo simple feito de presentar un traballo recibirán como agasallo material de actividades dos Bolechas.

A conselleira explicou que esta iniciativa ten uns obxectivos moi claros: contribuír a un mellor tratamento dos RAEE, mediante a creación dunha comunidade de mozas e mozos que se involucran en proxectos ambientais; incrementar a recuperación de aparellos eléctricos e electrónicos; e fomentar o coñecemento sobre as prácticas de consumo e como estas inciden na contorna, no planeta e mesmo na propia saúde.

A campaña presentada esta mañá completa as acción postas en marcha o pasado ano dentro da iniciativa ‘Oqueseenchufarecíclase’, que se desenvolveu en case 140 concellos galegos e que se manterá con accións dirixidas especificamente ao público consumidor, ao que se informará da posibilidade de depositar aparellos eléctricos e electrónicos estragados nos puntos de venda onde adquiran aparellos novos ata un mes despois da compra ou incluso en puntos de venda -cunha superficie de máis de 400 metros cadrados- para os RAEE “moi pequenos” aínda que non compren un aparello novo.

Mato Otero argumentou que este tipo de actitudes e obxectivos axudarán a acadar un obxectivo global como é proxectar a imaxe de Galicia como comunidade pioneira en sustentabilidade e educación ambiental desde a base, formando cidadáns “verdes”. Un camiño no que xa se ten mellorado desde o inicio da execución do Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galicia 2010-2022, pois no ano 2017 -último exercicio do que se teñen datos completos- acadouse a cifra de 12.294,46 toneladas, o que supón un incremento de máis dun 50% do RAEE doméstico recollido desde o inicio de execución do PRUXG, detallou a conselleira. 


- Te recomendamos -