Inicio Galicia Comeza o curso na escola infantil da rede 'A galiña azul' do...

Comeza o curso na escola infantil da rede 'A galiña azul' do novo centro interxeracional de Ourense

0

O centro, construído e equipado pola Fundación Amancio Ortega, oferta 82 prazas para o curso 2018-2019, máis un centro de día con capacidade para 80 maiores


O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar da Consellería de Política Social, Perfecto Rodríguez Muíños, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, visitou hoxe -coincidindo coa xornada de portas abertas coa que arranca o curso 2018-2019- a escola infantil da rede autonómica “A Galiña Azul” do centro interxeracional de Ourense, construído e equipado pola Fundación Amancio Ortega, en virtude do convenio asinado o 1 de marzo de 2016 entre esa entidade, a Xunta de Galicia e o Concello de Ourense.

O centro, que será xestionado pola administración autonómica a través do Consorcio, oferta para este curso un total de 82 prazas (6 unidades) e botará andar con 52 nenos, aos que se sumarán outros 7 pequenos a partir do mes de outubro froito do período extraordinario de matriculación de setembro, co que o número de nenos que asistirán a este centro dende o mes que ven ascenderá a 59.

A grande novidade deste novo centro é o seu carácter interxeracional, xa que na súa parte destinada aos maiores dispón dun centro de día con capacidade para 80 persoas, cuxa entrada en servizo está prevista para antes do remate do presente ano. Así pois, nestas instalacións se desenvolverán proxectos compartidos e fomentarase o intercambio de experiencias e transmisión de tradicións entre maiores e nenos -algo que se considera moi positivo e enriquecedor-, actividades que serán sempre planificadas e supervisadas polos equipos técnicos que traballarán no centro.

A escola infantil do novo centro interxeracional de Ourense, situada na ourensá rúa Ramón Abellas, incrementa a oferta que xa ofrecía a rede “A Galiña Azul” na capital das burgas. Ate o de agora contaba con 5 centros (Colón e Barrocás, dependentes do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar; e Antela, A Farixa e Virxe de Covadonga, da Axencia Galega de Servizos Sociais), que ofrecían para o presente curso un total de 428 prazas, agora aumentará ata as 510.

A partir do próximo mes de outubro, este novo servizo para favorecer a conciliación laboral e familiar dos pais e nais de nenos de idades comprendidas entre os 0 e 3 anos, disporá ademais de servizo de comedor para todos aqueles que o precisen.

Na xornada de portas abertas que hoxe tivo lugar, en horario de 10,30 a 13,30 e de 16,00 a 18,00, os pais e nais, xunto cos seus fillos, puideron coñecer in situ, e co persoal do centro, as flamantes instalacións da nova escola infantil, que conta cun deseño moderno e funcional, e recibir información acerca do seu funcionamento.

A escola infantil do centro interxeracional de Ourense é un dos cinco centros escolares de nova creación que a administración autonómica pon en funcionamento para este curso 2018-2019, xunto cos de Lugo e Santiago-O Castileiriño, tamén construídos e equipados pola FAO, e os de A Estrada e Mos, executados pola Xunta a través do Consorcio. Eses cinco novos centros incrementarán a oferta da rede “A Galiña Azul” en 402 prazas, permitindo que esta pase das 9811 prazas ofertadas no curso 2017-2018 ás 10.289 do presente curso.


- Te recomendamos -