Segundo o estudo presentado hoxe, o 79,59% dos titulados no curso 2013/14 traballaba no momento de realizar a enquisa
A porcentaxe de titulados no Sistema Universitario de Galicia (SUG) que traballaba tres anos despois de rematar os seus estudos ascende a un 79,59%, 9 puntos porcentuais máis ca no caso dos egresados no curso 2012/13. Así se desprende do Estudo da inserción laboral dos titulados no Sistema Universitario de Galicia 2013-2014, encargado pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG). O estudo, baseado nunha mostra de 5.132 titulados nese curso (o 61,07% do total de egresados dese ano académico) e realizado mediante enquisa telefónica en xullo de 2017, foi presentado esta mañá nunha rolda de prensa na que participaron o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, a presidenta da ACSUG, Patrocinio Morrondo, e o seu director, Eduardo López.
Do informe despréndese, así mesmo, que dos titulados que non traballaban no momento de realizar a enquisa, case o 70% si que traballou nalgún momento desde que remataron a titulación, arredor de 11 puntos porcentuais máis ca no estudo anterior. Ademais, e na mesma tendencia que en estudos anteriores, o 80,11% dos que traballan estano a facer en Galicia.
Outro dos aspectos salientables do estudo é o incremento do salario neto mensual dos titulados, que de media ascende ata os 1.231,02 euros, o que supón un incremento do 13,3% respecto do reflectido no estudo anterior (144 euros máis).
Ademais, sigue incrementándose o número de egresados que están desenvolvendo funcións de nivel universitario no seu traballo, ata un 79,83%. Deles, o 84,45% desenvolve función específicas da súa titulación, porcentaxes superiores en ambos os casos ás acadadas no estudo previo. Deste xeito, o 92,43% dos enquisados afirma que volvería cursar estudos universitarios e, ademais, o 66,05% dos titulados que foron preguntados volvería cursar a mesma titulación na mesma universidade (case 4 puntos porcentuais máis ca no estudo anterior).
Busca de empregoOs titulados no SUG no curso 2013/14 tardaron unha media de 10,42 meses en atopar o primeiro emprego relacionado coa titulación. As vías máis usadas para atopalo foron internet, presentar a candidatura de forma espontánea ou a través de familiares ou amizades. O 55,42% dos titulados atopan o seu primeiro emprego por algunha destas tres vías, que xa eran as máis habituais nos estudos anteriores.
A parte da busca de emprego, o 17,65% dos titulados continuaba estudando no momento da realización da enquisa (deles o 52,73% un mestrado e o 24,51% un doutoramento) e o 25,18% estaba a preparar oposicións (cun lixeiro incremento respecto do 24,02% do estudo anterior).
Mobilidade e linguasNo que atinxe á formación en si mesma, o 75,02% obtivo a titulación que escollera como primeira opción, aínda que o 50,42% dos enquisados ten outra titulación universitaria rematada, a maiores daquela pola que foron entrevistados. En canto ao apoio para cursar estudos universitarios, o 58,4% dos titulados gozou dalgunha bolsa durante os seus estudos e máis da metade deles mantivérona durante 3 ou máis cursos. En calquera caso, o 40,42% compaxinou os estudos cun traballo.
A mobilidade e o coñecemento de idiomas son aspectos tamén analizados neste estudo, que revela que o 19,17% de titulados participou nalgún programa de mobilidade, no 75,42% de casos nun Erasmus. No tocante ao coñecemento de linguas, o 95,74% dos enquisados é quen de usar algún idioma a maiores de galego e castelán. Deles, o 83,93% din ser, como mínimo, usuarios capaces de comunicarse en inglés con certa fluidez e redactar textos sinxelos, o que supón un incremento de máis de 5 puntos porcentuais respecto do estudo anterior.
- Te recomendamos -