Inicio Galicia Feijóo reivindica que unha Galicia mellor se constrúe cunha educación pública con...

Feijóo reivindica que unha Galicia mellor se constrúe cunha educación pública con máis linguas, máis tecnoloxía, máis materias científicas e con mellores salarios para os docentes

0

Asevera que se conseguirá consolidar todo o que se logrou nestes últimos anos: unha Galicia co menor abandono escolar desde que hai rexistros e que apoia ás familias


O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, reivindicou hoxe que unha Galicia mellor se constrúe cunha educación pública con máis linguas, con máis tecnoloxía, con máis materias científicas e con mellores salarios para os docentes.

Durante unha visita ao IES de Soutomaior, con motivo do comezo das clases nos niveis da ESO e bacharelato, FP e ensinanzas de réxime especial, Feijóo aseverou que con todos estes avances se conseguirá consolidar todo o que se logrou nestes últimos anos: unha Galicia co menor abandono escolar desde que hai rexistros, ao terse reducido desde case o 26% ata por debaixo do 15%; cun ensino de máis calidade e máis equitativo, tal e como recoñece o informe PISA; e que apoia as familias, co maior sistema de transporte escolar gratuíto de España e cun sistema de fondos de libros e axudas que o ano pasado chegou a case 140.000 fogares.

Máis polo miúdo, o responsable do Executivo autonómico salientou que grazas á aposta por un ensino plurilingüe, a Comunidade pasou en dez anos de ter cero centros plurilingües a 385 este curso; de ter 67 auxiliares de conversa a 617. “E, neste curso, máis de 100.000 alumnos recibirán ensino plurilingüe”, dixo.

Logo de resaltar a compra de 30.000 novos portátiles, Feijóo precisou, en relación ás TIC, que no curso que comeza 18.000 alumnos estudarán co libro dixital –un 55% máis que o ano pasado-. E no eido das ciencias, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas, por primeira vez, 15 institutos ofrecerán o bacharelato de excelencia en ciencias e tecnoloxía.

Así mesmo, aseverou que unha Galicia mellor pasa tamén pola motivación de todos os docentes. E, neste eido, destacou a aposta por mellorar as condicións laborais dos docentes, cun incremento salarial progresivo que chegará a ser de 1260 euros ao ano.

En relación a esta nova infraestrutura, o primeiro instituto da historia de Soutomaior, o titular da Xunta aseverou que, con este centro, no cal se investiron preto de 6 millóns de euros, se cobre unha débeda que se tiña cun dos concellos que máis están a crecer de Galicia. Non en van, as case 500 prazas das que dispón integrarán os alumnos e profesores de primeiro e segundo de ESO que, deste xeito liberarán o Manuel Padín Truiteiro para os niveis de infantil e primaria; e permitirán que os rapaces do municipio non teñan que desprazarse cada día ata Pontevedra ou Redondela.

O presidente da Xunta concluíu garantindo o compromiso de seguir investindo en Educación, para que a Galicia do futuro poida seguir avanzando; e agradeceu o compromiso vocacional de todos os traballadores do sistema público educativo galego.


- Te recomendamos -