A directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático presentou a iniciativa ‘1 m2 polas praias e mares’ con representantes de Ecoembes e SEOBirdLife, promotores do proxecto ‘Libera’ que loita contra a acumulación de residuos na natureza
A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio sumarase este outono á campaña de sensibilización e recollida de lixo 1m2 polas praias e mares co fin de implicar activamente á cidadanía galega no obxectivo de liberar os espazos costeiros da chamada basuraleza.
Así o trasladou hoxe en rolda de prensa a directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, María Cruz Ferreira Costa, quen aproveitou a celebración mañá do Día Mundial da Limpeza para facer un chamamento á acción cidadá contra a contaminación que provocan os residuos na natureza e nos océanos.
Baixo o lema 1 m2 polas praias e mares, a nova campaña enmárcase no proxecto Libera que impulsaron no ano 2017 SEOBirdLife e Ecoembes para loitar contra a acumulación de lixo en espazos naturais desde unha tripla perspectiva: coñecemento, prevención e participación. Nesta ocasión, o obxectivo será organizar unha serie de batidas colaborativas de limpeza que se desenvolverán entre o 28 de setembro e o 7 de outubro en praias, zonas da costa e áreas fluviais de todo o país previamente seleccionadas.
O labor dos participantes centrarase tanto na recollida e retirada de lixo nos puntos escollidos, como na caracterización dos propios residuos co fin de obter información sobre cales son as tipoloxías máis habituais e actuar en consecuencia a través do deseño de medidas especificamente dirixidas a reducir a súa presenza no medio mariño.
Outro dos obxectivos desta nova campaña, como explicou a directora xeral, será contribuír a visibilizar que a acumulación de residuos nos océanos se ten convertido nunha das principais ameazas para a biodiversidade mariña e, por extensión, para a conservación do planeta. Ante esta situación, Ferreira Costa sinalou a importancia de promover máis accións colaborativas coma estas coas que implicar ao conxunto da cidadanía no coidado do medio ambiente e na eliminación da chamada basuraleza mariña, entre a que destacou de maneira especial as cabichas, as toalliñas húmidas e os envoltorios.
Con este fin, ata o próximo 24 de setembro todas as entidades e organizacións interesadas en participar na iniciativa 1 m2 polas praias e os mares poderán inscribirse a través da web www.proyectolibera.org e incluso rexistrar puntos de recollida de lixo en espazos costeiros ou fluviais do seu interese.
Por este motivo, haberá que esperar para saber o número total de batidas de limpeza previstas en Galicia aínda que o obxectivo, segundo explicou Ferreira Costa, é superar notablemente ás cifras da edición anterior. Nestes momentos, hai xa 8 entidades galegas apuntadas na iniciativa, o que representa o 10% das inscricións recibidas a nivel nacional.
Balance das campañas anteriores en GaliciaPrecisamente, a directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático eloxiou a boa resposta da sociedade galega ao proxecto Libera. Así, lembrou que en 2017 Galicia acolleu por primeira vez a acción 1 m2 pola natureza, mobilizando a 159 persoas que colaboraron na limpeza de 7 espazos naturais; e o pasado 16 de xuño a iniciativa volveu repetirse cun éxito de participación aínda maior: algo máis de 500 voluntarios repartidos entre 25 batidas.
No caso concreto da campaña 1 m2 polas praias e os mares, a pasada edición contou con 367 participantes que limparon e caracterizaron os residuos de 12 puntos da costa galega, entre eles, as praias de Santa Cristina (Oleiros), A Magdalena (Cabanas) e Rodas (Cíes) ou a zona fluvial da Antena (Ourense). Na edición deste ano, que arrincará o vindeiro 28 de setembro, a previsión é que estas cifras melloren de forma considerable tendo en conta, como recalcou a directora xeral, “a gran relevancia” que teñen as praias e o mar para o sector turístico, industrial e pesqueiro da comunidade.“Os resultados acadados non fan outra cousa que motivarnos a seguir colaborando con este proxecto, prestando todo o noso apoio a todos os interesados coa firme crenza de que mellorar o estado de conservación dos nosos espazos naturais está na nosa man”, subliñou María Cruz Ferreira.
- Te recomendamos -