Inicio Galicia O Consorcio Casco Vello de Vigo compra por 125.000 euros o número...

O Consorcio Casco Vello de Vigo compra por 125.000 euros o número 15 da rúa San Francisco e eleva a 77 as edificacións

0

Trátase da primeira actuación do ente rehabilitador nesta rúa e conta cunha superficie construída de 318 metros cadrados e fachada posterior á rúa Caramuxo


O Comité Executivo do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), participado nun 90 por cento pola Xunta de Galicia e nun 10 polo Concello de Vigo, vén de dar o visto e prace á adquisición dun nova edificación, a primeira na rúa San Francisco por 125.000 euros.

Segundo informou o presidente do ente rehabilitador e delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, con esta última adquisición son xa 77 os inmobles adquiridos desde o nacemento do organismo, que prosegue así co seu labor de apoio á recuperación da zona do Berbés, onde se enfocan agora os principais esforzos. Así, referiuse á sede da Universidade, xa en marcha, o Albergue de Peregrinos que construirá Turismo de Galicia e á rehabiliación de Berbés 41.

O inmoble agora adquirido conta cunha superficie construída de 318 metros cadrados, dividido en catro plantas ( baixa e tres alturas), e fachada posterior á rúa Caramuxo. A edificación, do ano 1900, consérvase en moi mal estado pese a ser obxecto de diversas actuacións como a adición dunha terceira planta ao seu deseño orixinal ou a modificación do tamaño dos ocos da súa fachada para mellorar o acceso a un local comercial, sen actividade na actualidade.

A súa ficha do Plan Especial de Reforma Interior do Casco Vello de Vigo recolle como elementos destacados do edificio a carpintería exterior, os balcóns e varandas, a porta do edificio na planta baixa e a fachada de pedra cara á rúa San Francisco, que deberán ser conservados ou repostos ao seu estado orixinal no momento da súa rehabilitación. Este mesmo documento recolle a necesidade de mellorar o aspecto da fachada posterior, realizada con materiais de moi baixa calidade.

Por outra banda, o Consello de Administración do CCVV, en sesión celebrada con anterioridade ao Comité Executivo, acordou a aprobación do seu Plan de Actuacións, Investimentos e Financiamento (PAIF) para 2019 que supoñerá, agregando a totalidade das súas partidas, unha mobilización de fondos próxima aos dous millóns de euros. Os mesmos aplicaranse fundamentalmente, ademais de aos seus gastos operativos, ás tarefas de rehabilitación dos inmobles situados en Abeleira Menéndez 16, Cruz Verde 8, Cruz Verde 12, Ferrería 8 e Praza do Berbés 41.

Aposta de futuroO presidente do CCVV recordou que foi prioridade do Goberno autonómico garantir a continuidade do Consorcio. “Queda moito por facer, pero pelexamos por prorrogar as actuacións por catro anos máis, ata o 2021”, sinalou, ao tempo que recordou que, tras varias fórmulas falidas, a creación do Consorcio “permitiunos recuperar o barrio histórico para a cidade”.

O convenio de creación do Consorcio do Casco Vello de Vigo, asinado en febreiro de 2005, establecía a súa vixencia ata 2011, pero a actual Xunta de Galicia considerou necesario prolongar os traballos de recuperación da zona vella de Vigo, de maneira que no seu momento propuxo unha modificación dos estatutos permitindo así a continuidade deste organismo ata finais de 2017. O pasado mes de decembro volvía a ampliar de novo o período de vixencia ata o 2021.

Labor visible“O labor do Consorcio Casco Vello de Vigo, que dende fai doce anos leva investidos no barrio histórico máis de 45 millóns de euros, vai facéndose visible e é unha realidade palpable”, asegurou López-Chaves, quen aproveitou a ocasión para reclamarlle ao goberno local que incremente a súa aportación, por riba do 10 por cento actual. “Maiores recursos permitiríanos maiores inversións”, dixo. “Se o Concello investise non máis, senón unha cantidade igual á que achega a Xunta de Galicia, teríamos o dobre de recursos", engadiu. Asemade, incidiu no feito de que aínda non se activase a vía da expropiación, xa que suporía un importante empuxe para o Consorcio.

Neste senso, o presidente CCVV e delegado da Xunta aludiu ao acordo de maio do 2017, que comprometía ao goberno local a recorrer a vía da expropiación no caso daquelas edificacións que, por distintos motivos, non poden ser adquiridas polo procedemento habitual. Segundo cifrou, “estaríamos a falar concretamente de cinco edificacións”, as correspondentes a Ferrería 1, Abeleira Menéndez 14, San Sebastián 20 e Subida ao Castelo 9 e 11, “paralizadas pola resistencia do Concello de Vigo a aplicar a devandita fórmula”, subliñou.104 vivendas rehabilitadasNo conxunto do barrio histórico, con esta última adquisición, o Consorcio Casco Vello de Vigo leva adquiridos 77 inmobles, dos que 58 xa foron rehabilitados e catro están en execución (Berbés 41, Ferrería 8, Cruz Verde 12 e Cruz Verde 8). Rehabilitáronse 104 vivendas, das que 89 foron vendidas e 10 están ocupadas en réxime de alugueiro. Tamén se rehabilitaron 32 locais comerciais, dos que se venderon 6 e 12 están ocupados en réxime de alugueiro, estando os 14 restantes en fase de concurso.


- Te recomendamos -