Inicio Galicia A Cidade da Cultura será escenario da maior romaría de corais de...

A Cidade da Cultura será escenario da maior romaría de corais de Galicia con 800 voces cantando xuntas pezas clásicas e populares

0

Na ‘XV Romaría Coral Galega’ participarán un total de 34 agrupacións de toda Galicia


A Praza Central do Gaiás transformarase nun grande escenario para acoller a XV Romaría Coral Galega o vindeiro domingo 16 de setembro ás 18.30 horas. Case 800 coralistas, procedentes de 34 agrupacións de toda Galicia, encherán de música a Cidade da Cultura, interpretando de maneira conxunta pezas do cancioneiro popular galego e internacional e obras de autores clásicos.

A directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo, e o presidente da Federación Coral Galega, Antonio Rey Cornide, presentaron esta mañá o certame no Museo Centro Gaiás, acompañados da concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra.

Ana Isabel Vázquez destacou a romaría como “o encontro máis importante da música coral no noso país” e subliñou que esta será a edición “con maior participación de corais na historia da Romaría”. A directora-xerente falou tamén da relevancia que estas agrupacións teñen en Galicia, como un elemento chave na transmisión da paixón e o gusto pola música a través das xeracións. “Algunhas das agrupacións que van participar nesta romaría contan cunha historia de máis de 50 anos e nelas moitas veces comparten o escenario familias enteiras, desde as netas e os netos ata os avós”, afirmou.

Pola súa parte, Antonio Rey agradeceu o compromiso da Xunta de Galicia para que este evento se leve a cabo nun escenario tan especial como é a Cidade da Cultura. “A Romaría non é só un espectáculo musical aberto a público de todas as idades, senón tamén unha oportunidade para o reencontro, para coñecer as novas voces que se suman a esta gran familia que somos na Federación Coral Galega, reforzando os lazos de amizade e colaboración que unen aos membros das diferentes agrupacións”. Neste sentido, Antonio Rey remarcou que o encontro dará comezo xa na mañá do domingo 16 de setembro, cunha misa cantada na igrexa de San Francisco, que interpretará a Coral Cantorum Compostellana coa colaboración do organista da Catedral de Santiago e de tres membros da agrupación Cantigas e Agarimos.

Entre as pezas que interpretarán as case 800 voces que se reunirán no Gaiás inclúense varias cancións populares galegas, como o Velaí vai ou Eu caseime por un ano, así como habaneras, coros de zarzuela, temas do folclore tradicional africano e obras de coñecidos compositores de música clásica, como o coro Va pensiero da ópera Nabucco, de Giuseppe Verdi. A Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela acompañará ás corais en catro pezas do programa e na interpretación do Himno Galego, que porá o broche final ao certame.

O domingo 16 de setembro haberá reforzo na liña de autobús urbano que sube ao Gaiás –liña 9– con saídas cada media hora desde Casas Novas a partir das 17.30 horas, seguindo a súa ruta habitual. Finalizado o evento, a partir das 19.30 horas tamén se manterá a frecuencia cada media hora cada hora desde a Cidade da Cultura.

Reivindicar o patrimonio culturalA co-organización da XV Romaría Coral Galega vén reforzar o compromiso da Cidade da Cultura de Galicia coas entidades e colectivos que levan anos traballando na promoción e consolidación do patrimonio cultural galego. Unha aposta que, segundo a directora da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, busca “dar visibilidade e tamén poñer en valor o labor realizado desde a base nestas asociacións”.

Neste sentido, a XV Romaría Coral Galega súmase a outras actividades incluídas na programación do Gaiás deste ano 2018 desde as que se reivindica a riqueza etnográfica e musical de Galicia. A modo de exemplo, Ana Isabel Vázquez fixo referencia ao Serán_01. I Encontro Galego de Cultura Popular, que o pasado mes de xuño reuniu a todo o sector do folclore galego vencellado ao canto, a música e o baile tradicionais, e tamén ao III Festival de Bandas Infantís e Xuvenís, no que se deron cita medio milleiro de músicos novos das catro provincias galegas.


- Te recomendamos -