Vázquez Mourelle reitera a necesidade de que o Ministerio de Fomento axilice a definición dun marco legal para as VTC, competencia exclusiva do Estado
A consellería de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, avanzou hoxe a aprobación a finais deste mes no Consello da Xunta do novo regulamento do taxi, que reforzará as garantías xurídicas do sector e as prestación aos usuarios. Así o adiantou á entrada do encontro de traballo celebrado na Coruña cos representantes da Federación de Autónomos do Taxi de Galicia, Fegataxi, e de RadioTaxi, as principais asociacións do sector na Comunidade.
Vázquez Mourelle mantivo esta xuntanza para abordar o regulamento do Taxi que está a ultimar o Goberno galego, co obxectivo de analizar o texto cos profesionais do ramo, que ten como obxectivo regular un sector estratéxico para a mobilidade na Comunidade Autónoma debido ás peculiaridades poboacionais do territorio.
E por iso, tamén a conselleira reiterou a necesidade de que o Ministerio de Fomento axilice a definición dun marco legal para os vehículos con autorización VTC, que permita restablecer a ratio de consenso 1/30, 1 licenza de VTC por cada 30 de taxi. E lembrou que a Xunta está a regular a única cuestión na que ten competencia coas VTC, obrigando a portar un distintivo identificativo.
Salientou que o novo regulamento do Taxi abordado na reunión co sector derívase da necesidade de desenvolver a Lei autonómica de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia e entrar así máis ao detalle na regulación de certos aspectos que aparecen recollidos na mesma.
Salientou que a nova regulación ten como principais obxectivos, a simplificación administrativa, dotar de maior seguridade xurídica ao sector, e ofrecer tamén maiores garantías aos usuarios. A conselleira puxo o acento no consenso á hora de elaborar o texto, resultado dun completo proceso de diálogo e de participación, cos propios profesionais do sector, pero tamén cos usuarios, a través do Consello Galego de Consumidores e Usuarios. Nel incorpóranse as achegas feitas por estes colectivos. Abundou en como o novo regulamento dá resposta ás demandas do sector do taxi ao avanzar nunha maior conxunción entre administracións, na obtención dos títulos habilitantes. E dicir, engadiu, máis coordinación entre Xunta e Concellos de cara a unha maior simplificación na obtención dos correspondentes títulos administrativos, de xeito que o profesional do taxi fará unha única solicitude ante o concello, que suporá o inicio do expediente municipal e do autonómico.
Referiu que tamén co novo regulamento se avanza na prestación dun mellor servizo ao usuario, por exemplo, cunha maior implantación de vehículos que dispoñan de prazas adaptadas e accesibles. Neste punto a conselleira falou da aposta que se está a facer desde a Xunta por promover, a través de liñas de axudas autonómicas, a adquisición de taxis adaptados, para favorecer os desprazamentos de persoas con mobilidade reducida. Axudas que, tal e como indicou, están ademais a contribuír á renovación progresiva do parque móbil, mellorando a competitividade do sector do taxi e fomentando o emprego neste colectivo. Polo tanto, sintetizou, con este regulamento do taxi se está a dar un paso máis na regulación deste servizo en Galicia, reforzando as garantías xurídicas do sector e as prestacións aos usuarios. E nesta sentido, recalcou, se está avanzando na regulación dun sector que ten unha importancia estratéxica na mobilidade da Comunidade, debido ás peculiaridades poboacionais do territorio.
Lembrou que a elaboración do regulamento derívase da necesidade de desenvolver a Lei do Taxi e entrar máis ao detalle na regulación de certos aspectos que aparecen recollidos xa na lei. VTC en GaliciaAo tempo, a conselleira sinalou que a Xunta tamén está a ter en conta, no marco da regulación da Lei da Lei estatal de Ordenación dos Transportes Terrestres, a nova realidade da existencia de servizos de alugueiro con condutor, as VTC. E aquí referiuse á previsión legal pola que os vehículos con autorización VTC en Galicia deberán dispoñer dun distintivo identificativo da súa actividade, requisito para o que o departamento que dirixe xa está a tramitar a correspondente orde. En todo caso, a conselleira incidiu que a regulación das VTCs é competencia exclusiva estatal, responsabilidade do Ministerio de Fomento, reiterando a petición feita xa no marco da Conferencia Nacional de Transportes, celebrada o pasado 1 de agosto.
Ethel Vázquez voltou a insistir na necesidade de axilidade na definición dun marco legal que permita restablecer a ratio de consenso 1/30, 1 licenza de VTC por cada 30 de taxi. E, na importancia de dispor de instrumentos legais precisos e medidas concretas para acadar unha competencia leal e equilibrada entre o sector do taxi e os servizos de alugueiro con condutor. Medidas que tal e como expresou a conselleira, “son absolutamente necesarias e urxentes, e que debe adoptar o Ministerio para evitar a ruptura do mercado, garantir un emprego de calidade e asegurar o bo servizo aos usuarios”.
- Te recomendamos -