Inicio Galicia A Xunta informa de situacións de calor intensa durante a fin de...

A Xunta informa de situacións de calor intensa durante a fin de semana

0

Galicia estará baixo os efectos dun potente anticiclón e irase achegando unha masa de aire cálido procedente do sur da península


A Xunta de Galicia, a través do seu Comité de Plan de Calor, no marco do Plan de Actuacións fronte aos posibles efectos das altas temperaturas sobre a saúde, informa que, dende hoxe, e ata o domingo, Galicia estará baixo os efectos dun potente anticiclón que aportará a suficiente estabilidade como para que o ceo estea despexado. Ademais, irase achegando unha masa de aire cálido procedente do sur da península Ibérica e do norte de África. O efecto desta masa de aire comezarase a notar esta mesma tarde, con valores que superarán os 30ºC con facilidade na metade sur. Esto será máis xeneralizado nas xornadas do sábado e o domingo, cando se rexistrán temperaturas moi elevadas durante o día, con avisos amarelos por temperaturas máximas en puntos do sur nestas dúas xornadas. Así mesmo, as mínimas non descenderán por debaixo dos 20ºC en puntos da provincia de Pontevedra e oeste da Coruña, tendo o efecto de noites tropicais.

Estímase que na tarde do domingo poderán formarse os primeiros fenómenos tormentosos e as nubes e os chuvascos poderán ser algo máis xeneralizados o luns, polo que as temperaturas descenderían nesa xornada por debaixo de umbrais de perigo.

Sistemática de intervenciónO Comité de Plan de Calor está formado, ademais de pola Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde; a Vicepresidencia e Consellerías de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza; Política Social, e Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.

Este plan, que está operativo dende o un de xuño, establece as medidas necesarias para reducir os efectos na saúde asociados ás vagas de calor, os sistemas de previsión, alerta e comunicación a utilizar, e, ademais, define unha sistemática de intervención segundo os niveis de alerta establecidos. Por outro lado, establece as canles de coordinación interinstitucional entre as unidades competentes nesta materia.

Neste plan, os medios de comunicación e toda a cidadanía e organismos que constitúen a rede social de apoio existente á poboación máis vulnerable, son pezas básicas para evitar, na maior medida posible, danos á poboación.

RecomendaciónsSanidade quere, así mesmo, facer chegar á cidadanía unha serie de consellos que poderán ser moi útiles para estes días de calor. Beberase máis líquido do habitual sen esperar a ter sede, sobre todo auga e zumes de froita lixeiramente fríos. Deberase evitar inxerir bebidas quentes, alcohólicas, café, té e as moi azucradas. Así mesmo, comeranse verduras e froitas e evitaranse as comidas copiosas.

Respecto da vestimenta, Sanidade recomenda usar roupa de tecidos naturais, lixeira e folgada, de cores claras, sombreiros, lentes de sol e cremas protectoras solares. O calzado deberá ser cómodo, fresco e que transpire.

No interior dos edificios permanecerase, a ser posible, en espazos ventilados ou acondicionados, e utilizando as habitacións máis frescas da vivenda. Durante o día, baixaranse as persianas e pecharanse as xanelas, abríndoas pola noite para ventilar. Así mesmo, poderán utilizarse ventiladores. Nos momentos de calor máis intensa refrescarase o corpo cunha ducha ou cun baño en auga morna. Ademais, procurarase eludir as aglomeracións de persoas en locais sen aire acondicionado.

No exterior dos edificios evitaranse, na medida do posible, as actividades nas horas máis calorosas, reducirase a actividade física, procurarase buscar as sombras e, cando se estacione o coche, non se deberá deixar no interior nin a nenos nin a persoas maiores, nin a ningún animal de compaña.

Así mesmo, convén non ir á praia nas horas de máxima calor (mediodía e as primeiras da tarde). Asemade, Sanidade sinala que nunca se debe quedar durmido tomando o sol. Respecto das cremas de protección, utilizaranse as de maior protección posible, e nunca inferior a quince.

Recorde que, si ten parentes ou veciños que vivan sos, é conveniente facerlles un seguimento especial estes días, co fin de comprobar que adoitan as medidas recomendadas e o seu estado de saúde é o habitual.


- Te recomendamos -