As obras, executadas por procedemento de emerxencia, quedarán rematadas nos vindeiros días
A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, rematará nos vindeiros días as obras de reparación do dique de abrigo do porto de Cariño, que fora danado polo temporal EVI o pasado mes de xaneiro. Así o comunicou a titular do departamento autonómico, Rosa Quintana, nunha visita á zona para comprobar a fase final duns traballos nos que a Xunta investiu 900.000 euros.
Así, Rosa Quintana, que estivo acompañada na visita polo presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, lembrou que os efectos do temporal provocaron o derrube dunha zona de máis de 20 metros do dique de abrigo do porto. Ademais desprazáronse boa parte dos bloques que integran a coieira deixando exposto o espigón. Finalmente, tamén se produciron danos no pavimento e elementos metálicos e quedaron inutilizadas varias defensas de rosario, que xa se atopan reparados.
Neste sentido, a conselleira sinalou que a situación xerada coa falta dun tramo significativo de espaldón e da coieira no dique onde esta estrutura é máis sensible, facían necesaria a reparación dos danos de xeito urxente. Por este motivo, a Consellería do Mar declarou obra de emerxencia e a finais do mes de febreiro deron comezo os traballos, que finalizarán nos vindeiros días, adiantou a conselleira.
Finalmente a titular de Mar explicou que as obras consistiron na reparación e o reforzo do dique mediante bloques de formigón de garda de 30 e 45 toneladas, de coieiras de pedra natural de 12 e 15 toneladas e na reconstrución do espaldón do dique. Esta actuación permitirá a reposición da operatividade dun peirao que move anualmente máis de 500.000 toneladas de minerais.
- Te recomendamos -