O conselleiro Román Rodríguez e mailo alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, asinaron o convenio para a escavación e consolidación dalgunhas zonas deste xacemento
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria destinará un total de 30.000 euros a financiar novos traballos arqueolóxicos no castro e mosteiro de Cálago, en Vilanova de Arousa, a partires deste ano. O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e mailo alcalde de Vilanova, Gonzalo Durán, asinaron hoxe o convenio de colaboración que permitirá levar a cabo unha escavación e posterior consolidación de estruturas nalgunhas zonas deste xacemento. Tal como establece o convenio, a Consellería asumirá o custe íntegro dos traballos, mentres que o Concello encargarase de elaborar e presentar o proxecto arqueolóxico concreto, que deberá contar coa aprobación da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
Deste xeito, a Xunta de Galicia financiará de xeito íntegro estes traballos que se circunscriben a tres sectores da terraza norte do xacemento e que abranguen unha superficie de 130 m2. Logo da escavación, procederase á consolidación provisional das estruturas exhumadas.
Román Rodríguez explicou que esta intervención ten como obxectivo poñer en valor este patrimonio ao tempo que contribuír ao seu coñecemento e difusión. Precisamente para iso, os traballos arqueolóxicos completaranse cunha serie de accións divulgativas como a creación dun blog e perfís en redes sociais, a organización de visitas concertadas durante todo o proceso de escavación e consolidación e de xornadas de divulgación dos resultados unha vez rematada a obra.
Dentro do programa de actuacións arqueolóxicas neste xacemento cómpre lembrar que a Consellería xa ten financiado por un importe de 16.500 euros outras actuacións de sondaxes arqueolóxicas e prospección xeofísica que permitiron a exploración do subsolo co fin de localizar a posición de posibles estruturas e cuxos resultados, ademais de ampliar o coñecemento científico deste xacemento, aportaron información relevante para a planificación das novas intervencións arqueolóxicas que se van acometer agora ao abeiro deste convenio.
Castro da Idade de FerroO castro de Cálago -incluído no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia- localízase no propio núcleo urbano de Vilanova, en concreto no lugar de Campanario (parroquia de San Cibrán de Cálago), nun outeiro a escasos 100 metros da liña de costa actual.
Trátase dun castro da Idade do Ferro que presenta unha forma elíptica, cuns eixes de 105×80 metros, no que se identifica claramente a súa croa e unha primeira terraza, aínda que é moi probable que contase cunha segunda, onde actualmente se atopa o cemiterio de Cálago. Con posterioridade, xa na Idade Media, estableceuse neste lugar o mosteiro de Cálago do que se conserva na actualidade a súa torre-campanario.
O Concello de Vilanova de Arousa ten cedidos os terreos onde se asenta o castro de Cálago por parte dos seus propietarios para levar a cabo traballos arqueolóxicos e de posta en valor deste xacemento.
- Te recomendamos -