O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, visita en Valga as instalacións desta empresa, líder no sector dos vehículos especiais todoterreo
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe a aposta de Urovesa pola diversificación, a internacionalización e a innovación como os factores que impulsan a súa competitividade, durante a visita que realizou esta mañá en Valga ás instalacións desta compañía, líder no sector dos vehículos todoterreo.
Conde puxo en valor o esforzo de Urovesa, ao logo dos seus máis de 35 anos de traxectoria, por diversificar os seus produtos desde o sector militar ao civil; a súa aposta pola internacionalización, coa súa incursión en 25 países diferentes; ou a innovación que aplica ao deseño, desenvolvemento e fabricación de vehículos. Todos estes elementos teñen convertido a Urovesa nun referente no seu sector. “Quero agradecer a Urovesa esta capacidade de xerar industria e xerar emprego, máis de 500 empregos directos e indirectos, colaborando con outros provedores que están permitindo a Galicia ser referente neste sector”, afirmou o conselleiro quen asegurou que esta empresa é un exemplo que hai que trasladar ao conxunto produtivo da Comunidade.
Conde explicou que o futuro da Galicia industrial pasa por impulsar as mesmas estratexias que Urovesa: innovación, diversificación, formación e internacionalización. Entre as medidas que o Goberno galego pon á disposición das empresas para que estas innoven e introduzan o novo modelo produtivo no seu día a día, destaca o programa Fábrica Intelixente, do que onte se publicou a resolución da primeira edición de 2018. En total, apoiaranse tres proxectos liderados polas empresas Finsa, Cupa e Copo con 4,6 millóns de euros que mobilizarán 15,8 e permitirán impulsar o uso de novas tecnoloxías nos procesos produtivos, así como a contratación de 16 profesionais e o mantemento dun centenar de empregos.
En concreto, Finsa liderará un proxecto para o desenvolvemento de tecnoloxías dixitais na industria madeireira do futuro; Cupa apostará por afondar na transformación integral do proceso produtivo da lousa natural a través da Industria 4.0; mentres que Copo traballará no eido da Fábrica intelixente para produtos de interior no sector da automoción.
Ata o 28 de setembro está aberto o prazo da segunda edición da convocatoria de 2018 de Fábrica Intelixente para aquelas empresas interesadas en desenvolver proxectos que supoñan unha renovación do modelo produtivo cun efecto arrastre do tecido industrial galego e que aposten por un uso intensivo de tecnoloxías facilitadoras. O conselleiro incidiu en que o obxectivo e que a innovación chegue a todas as empresas galegas e que por este motivo a principal novidade deste ano foi a apertura do programa ás pequenas empresas.
Finalmente, Conde destacou a importancia da colaboración, tanto co eido privado como institucional, para que o crecemento da economía galega se consolide e referiuse á iniciativa dos Concellos Emprendedores, agradecendo a Valga a súa incorporación.
- Te recomendamos -