Inicio Galicia A Cidade da Cultura recibe a 40 creadores emerxentes de Galicia e...

A Cidade da Cultura recibe a 40 creadores emerxentes de Galicia e do resto de España no VIII Encontro de Artistas Novos

0

O conselleiro de Cultura e Educación destacou que o EAN é xa unha cita de referencia na axenda da arte contemporánea de Galicia e do resto de España


O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, deu esta mañá a benvida aos 40 creadores e creadoras procedentes de Galicia e do resto de España que participan na oitava edición do Encontro de Artistas Novos Cidade da Cultura de Galicia, EAN8. O Encontro, que promove a creación contemporánea e o intercambio de coñecemento a través dunha residencia artística no Gaiás, está impulsado pola Xunta a través da Fundación Cidade da Cultura e conta coa colaboración da Fundación Banco Sabadell.

Román Rodríguez destacou que desde a apertura en 2011 da Cidade da Cultura “tiñamos claro que a súa programación cultural debía contar con espazos abertos para o intercambio de ideas e a convivencia creativa”. As oito edicións celebradas ata o de agora consolidan o EAN, en palabras de do titular de Cultura do Goberno galego, como “un encontro de artistas novos, pero non noveis, como demostra a notable traxectoria, e talento dos e das participantes seleccionados, que ano a ano reforzan o EAN como unha cita de referencia na axenda da arte contemporánea de Galicia e do resto de España”.

O acto de apertura, celebrado no Parque do Lago da Cidade da Cultura, contou tamén coa participación do director xeral do Banco Sabadell en Galicia, Pablo Junceda; do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; do director do EAN, Rafael Doctor e da directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez. Pablo Junceda destacou o compromiso da Fundación Banco Sabadell coa creación contemporánea destacando que “dedicamos todos os recursos que podemos non só a conservar a arte do pasado e do presente, senón a apoiar aos creadores que van ser o futuro da nosa arte e da nosa cultura”.

Pola súa banda, Rafael Doctor quixo lembrar que polo EAN pasaron xa máis de medio milleiro de creadores e creadoras emerxentes, entre eles recoñecidas figuras como Jorge Perianes, Lois Patiño ou Nuria Güell, que naquel momento comezaban a abrirse paso no mundo da arte.

Artistas convidadosA calidade do programa do EAN, que ofrece a oportunidade de dialogar e aprender da man de artistas consolidados así como profesionais do ámbito xornalístico e curatorial, foi outra das cuestións postas de relevancia polo conselleiro de Cultura. Así, nesta edición contarase coa participación de María Moldes, Julio Falagán e Sandra Gamarra, que impartirán senllas conferencias e acompañarán aos e ás participantes ata o vindeiro xoves. Súmanse así á longa lista de artistas que participaron no EAN como relatores, e que inclúe nomes da relevancia de Berta Cáccamo, Menchu Lamas, Din Matamoro, Fernando Sánchez Castillo, Enrique Marty, Ramón Balsa ou Daniel Canogar.

Pola súa banda, David Barro, Semíramis González e Javier Díaz-Guardiola participarán tamén como observadores ou art followers que, como novidade desta edición, intervirán nunha mesa redonda na terceira xornada do Encontro.

Residencia artística no GaiásAta o vindeiro xoves, os e as artistas emerxentes participantes no EAN8 van ter a oportunidade de darlle visibilidade ao seu traballo no xa clásico Foro Aberto, onde realizarán unha presentación centrada no seu proxecto creativo persoal, servindo de plataforma e escaparate das súas creacións.

Ademais, co obxectivo de que este intercambio artístico se produza en todas as súas vertentes, o #EAN8 inclúe tamén visitas a centros de arte como o CGAC, a Fundación Granell e o DIDAC en Santiago de Compostela, e o Museo de Arte Contemporánea (MAC) na Coruña.

Por último, o Encontro de Artistas Novos ofrece a oportunidade de participar no Certame de Intervencións Artísticas das Torres Hejduk, convocatoria na que, a modo de desafío creativo, se convida a presentar un proxecto para este espazo singular. De feito, o EAN8 rematará coa inauguración da proposta gañadora na edición de 2017, un traballo que leva por título AAMA, Arquivo Aberto da Memoria Arquitectónica, do artista andaluz Francisco Ramallo.


- Te recomendamos -