O delegado territorial, José Manuel Balseiro, acompañado da alcaldesa da localidade, Elena Candia, presentaron este novo vehículo e salientaron a súa utilidade social
A Xunta de Galicia dotou ao Concello de Mondoñedo dun novo furgón adaptado para o transporte de persoas con mobilidade reducida ou en situación de dependencia.
Este novo recurso xurde grazas a unha axuda do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Terras de Miranda, que financia o proxecto promovido desde a administración local, cunha axuda de preto de 36.000 euros.
A achega supera o 87% do custe total de adquisición deste novo vehículo, unha porcentaxe moi elevada xa que as bases de reparto dos fondos que xestionan os GDR priman os proxectos promovidos polas administracións locais e aqueles que teñen finalidade social.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, acompañado da alcaldesa da localidade, Elena Candia, presentou este novo vehículo salientando a súa utilidade, xa que logo, está a ser empregado para facilitar o desprazamento a diferentes recursos, tales como o centro de saúde, o centro de servizos socio-comunitarios e o centro de día, entre outros.
As limitacións de mobilidade que, en moitas ocasións, presentan as persoas en situación de dependencia ou con discapacidade impide o uso de vehículos non adaptados, polo que o novo furgón mellora a súa autonomía e capacidade de desprazamento, así como a participación en actividades ou servizos dirixidos á prevención do deterioro físico e cognitivo.
Balseiro quixo poñer en valor a amplitude e heteroxeneidade das axudas que xestionan os GDR, como entidades dependentes da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) e colaboradoras do programa Leader de Galicia 2014-2020.
A Asociación Terras de Miranda está constituída por un conxunto representativo de axentes locais, públicos e privados, dos diferentes sectores socioeconómicos da Mariña, en particular dos municipios de Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove.
- Te recomendamos -