O delegado territorial da Xunta en Pontevedra explicou que a Consellería de Medio Rural destinará catro millóns de euros co galo de mellorar os resultados económicos do sector da produción vexetal
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá a cooperativa Porta do Río Miño do Rosal co gallo de informar sobre a nova orde de axudas aos investimentos nas explotacións agrícolas especializadas en produción vexetal que acaba de publicar a Consellería de Medio Rural.
Cores Tourís, acompañado dos responsables da cooperativa, da alcaldesa do Rosal, María del Carmen Alonso, e do xefe territorial de Medio Rural en Pontevedra, Antonio Crespo, percorreu as instalacións desta firma que conta con 35 socios da comarca do Baixo Miño e máis de 100 proveedores, e cunha facturación anual de 2,3 millóns de euros no 2017, agardándose para o ano en curso un incremento aproximado do 5% con respecto a exercicios anteriores. En total, vendéronse 2,1 millóns de quilos de produtos de horta, mazá e kiwi. Deste xeito, produciu o ano pasado 300.000 quilos de pemento de Padrón, 80.000 quilos de pemento branco, e 60.000 quilos de pemento Lamuyo, así como 130.000 quilos de xudía. A maiores, tamén traballa o repolo, a leituga, a pataca, a cabaciña, o allo porro e o cogombro.
O delegado territorial destacou que Galicia, “e en concreto a comarca do Baixo Miño presenta unhas características agronómicas e socioeconómicas que a fan idónea para os cultivos hortícolas de calidade. Aínda así, o sector hortícola galego está moi lonxe de acadar o nivel que lle corresponde ás súas condicións potenciais”.“Este é o motivo polo que dende a Consellería de Medio Rural ponse en marcha medidas como esta nova orde de axudas, que ten coma obxectivo mellorar os resultados económicos das explotacións agrarias e facilitar a súa reestruturación e modernización, incrementando a súa participación e orientación cara ao mercado, así como a diversificación agrícola para asegurar a competitividade e a continuidade do tecido agrario”, engadiu Cores Tourís.
En total, a Consellería distribuirá entre os demandantes, un total de 4 millóns de euros, podéndose acoller a estas axudas os titulares profesionais de explotacións agrícolas que exercen a actividade agraria con criterios empresariais e que produzan hortalizas, flores, plantas ornamentais, setas, fungos, viveiros, cultivos leñosos, sementes e patacas.
O prazo de solicitude estará aberto ata o 6 de setembro, establecéndose un investimento mínimo de 5.000 euros e un investimento máximo subvencionable de 120.000€/UTA, cun máximo de 500.000€/beneficiario nos últimos catro anos. Con esta axuda os interesados poden reformar ou construír instalacións que supoñan unha redución nos custos de produción ou un incremento na súa produtividade; comprar construcións agrarias en desuso; adquirir terreos por un valor inferior ao 10% do custo subvencionable, e finalmente, tamén poden levar a cabo investimentos en materiais e servizos técnicos.“É dicir, que os interesados poden comprar terras, construír de naves, almacéns e invernadoiros e adquirir maquinaria agrícola como tractores, fresadoras, rolos ou podadoras”, matizou o delegado territorial, quen tamén deixou claro que a través desta orde pódense solicitar axudas para realizar inversións en regas, pozos de barrena, saneamentos, drenaxes, plantacións e implantacións de cultivos, así como para facer fronte a honorarios de redacción de proxecto, dirección de obra ou asesoramento”.
O importe da axuda será do 30% dos costes elixibles que poderá ampliarse ata o 50% nos casos de agricultores mozos, investimentos colectivos, agricultura ecolóxica e operacións subvencionadas no marco da Axencia Europea de Innovación en materia de produtividade e sostenibilidade agrícola.
A produción hortícola en GaliciaTal e como expresou o delegado territorial, “a horticultura comeza a constituírse como un interesante complemento á produción gandeira para algunhas Cooperativas leiteiras, grazas ás súas escasas necesidades territoriais unidas á súa intensividade de traballo, o que permite a simultaneidade de ámbalas dúas actividades”, matizou, insistindo en que “por todas estas cuestións pódese afirmar con rotundidade que a produción hortícola de calidade representa e, sobre todo, vai representar un sector estratéxico dentro do panorama do noso sector agrícola”.
En Galicia existen arredor de 850 explotacións profesionais de horta baixo cuberta, con preto de 150 ha de superficie de invernadoiros. Arredor da metade destas explotación contan adicionalmente cunha superficie equivalente de produción ao aire libre, das que na comunidade autónoma atópanse rexistradas 1.700. As principais producións baixo cuberta son a leituga, o tomate, o pemento e o feixón verde, e case a metade das explotacións están agrupadas en Cooperativas ou noutras figuras asociativas. Mentres, ao aire libre, os principais cultivos de horta, ademais das fabas e os grelos, son a cebola, o feixón verde, a leituga e o repolo, ademais dunha gran variedade de outros produtos (acelga, espinaca, cogombro, cabaciña, cenoria, pemento, coliflor ou berenxena).
- Te recomendamos -